Preto de cen persoas asistiron a proxección de “Vigo 1972”, unha longametraxe documental escrita e dirixida por Roi Cagiao coa produción executiva de Emilio J. Fernández.
Recollemos aquí o resumo do documental que ofrecen dende a propia páxina web:
“En setembro de 1972, os traballadores e traballadoras viguesas foron quen, a través dunha heroica folga xeral de quince días de duración, de convertir á bisbarra de Vigo no centro de atención a nivel estatal e europeo, poñendo en xaque ao réxime franquista e contribuíndo significativamente ao desgaste e fin do mesmo. Esta é a súa historia.”
A organización desta proxección, que tivo lugar o xoves 30 de maio ás 20:00 no salón de actos do complexo parroquial do Cristo da Victoria, contou coa colaboración da propia parroquia, a Asociación de mulleres Dorna, o Centro Cultural Rueiro e o Movemento Cidadán “O noso barrio”.
No coloquio posterior, nos que quedou de manifesto que había persoas entre o público que viviran aquela folga moi de preto, recoñeceuse o compromiso solidario da clase obreira naqueles anos e constatouse que ese tecido social está hoxe moi debilitado. Hai traballo por diante, pero podemos aprender moito de quen nos precederon…