Conversa con Maritze Trigos

O pasado sábado mantivemos, da man de Acción Verapaz, un encontro con Maritze Trigos, dominica colombiana coa que a nosa comunidade xa tiña compartido anos atrás, e que desta vez se atopa participando nun programa de protección a persoas defensoras dos Dereitos Humanos, para que durante uns meses viva nun entorno seguro lonxe das ameazas ás que se enfronta no seu día a día.

Como xa acontecera nas anteriores ocasións, escoitar falar a Maritze do seu labor no acompañamento e denuncia xunto ás vítimas da violencia en Colombia, foi un regalo para todas as persoas que nos achegamos a compartir con ela. Coa enerxía e fonda esperanza dunha muller que se define como “plena e feliz”, Maritze foi relatando a súa experiencia dende a resistencia, a dignidade e o compromiso coas vítimas nunha realidade durísima de represión e morte a mans da forza militar, os paramilitares e o narcotráfico.

Como Maritze escribía para presentarse a si mesma, “só unha espiritualidade liberadora, a forza de Deus e a organización con articulación, fainos fortes, ante o desafío dunha transformación estrutural no político-social, con valores éticos e liberdade de espírito”.

Grazas, Maritze, polo fermoso agasallo de sentido, fe e esperanza que nos fas ao compartir connosco o teu radical testemuño de denuncia profética e compromiso liberador.