Compartindo experiencias formativas

O pasado 18 de decembro tivemos a nosa segunda “merenda formativa” deste trimestre, onde Manuel nos transmitiu as súas impresións ante a canonización de Óscar Romero, que tivo a oportunidade de presenciar no Vaticano; e onde persoas da comunidade que acudiron ao último encontro de Redes Cristianas (baixo o título de “Acción liberadora hoy”) trasladaron as súas opinións e vivencias.

Destacaron os contrastes: fronte á constatación de elevada media de idade na xuntanza de Redes e a diminución nos últimos anos do número de asistentes, o interese de algúns obradoiros e o bo facer e o ánimo de todas as participantes; fronte a algunhas dificultades organizativas, o traballo entusiasta e comprometido das persoas que acollían… e, en Roma, na canonización de Óscar Romero, fronte a rixidez das cerimonias papais, o valor que ten o recoñecemento oficial dunha figura xa santificada polo pobo de América Latina dende o día mesmo do seu asasinato.

Foi un agradable rato para compartir, dialogar, comentar… mentres desfrutabamos dunha pequena merenda. Pero foi tamén moito máis: porque nestes pequenos e humildes encontros agóchase a semente dunha maneira de facer e de ser que ten moito que ver co que entendemos que esixe a construción dese outro mundo posible e necesario.