Excursión de fin de curso da catequse 2013/14

O último sábado de abril, como todos os anos, fixemos a excursión final da catequese. Aínda que algúns grupos continúan en maio, o de comuñón xa celebrou a súa última catequese. Agora quédanlles as celebracións das comuñóns durante todo o mes de maio.

Aínda que elixiramos a nosa casa de Vilán como lugar da excursión-convivencia de nenos-pais-nais-catequistas tivemos a última hora que buscar un lugar alternativo dadas as inclemencias do tempo. Eliximos como lugar de convivencia o Colexio «Javier Sensat» de Alcabre amablemente cedido para esta ocasión pola Dirección.

Ás 10,45 partimos en caravana cara ao colexio. Serían uns vinte minutos de camiñada. Unha vez chegados alí e colocar as nosas mochilas fixemos unha roda onde realizamos presentacións, cantamos e concretamos o programa do día. Catro talleres rotativos ocupáronnos a mañá ata a unha e media: paracaídas, pinzas, pañuelito e maquillaxe.

O comedor do colexio quedounos pequeno para compartir a comida entre case o centenar de participantes. Pero o ambiente foi moi cordial e familiar. Rematada a comida pasamos ao salón de actos e vimos unha película titulada «Vilán 2013» que trataba de dar a coñecer Vilán e as actividades que alí se realizaran o ano pasado. Ao final foi moi aplaudida. E despois camiñamos á Praia de Alcabre a tomar un pouco o sol e a gozar da bonita tarde que quedou. Á parte dos castelos na area houbo quen quixo probar as frías augas da ria neste mes de abril.

De volta ao colexio organizamos varios talleres: papiroflexia, muíños de vento, brilé, carreiras de sacos, salto con cordas, etc… Así estivemos moi ben ata a hora de tocar retirada: as sete menos cuarto. Hai que destacar a grande expectación que tiveron os talleres de papiroflexia e muíños de vento. A volta tamén a realizamos camiñando; e unha vez chegados á Igrexa pasamos un anaco comentando o bonito que fora compartir unha xornada como esta… E agora a esperar o campamento de Vilán.

Un comentario

Los comentarios están cerrados.