Festa do Lume 2014: Contra a crise, autoxestión

Irimia convídanos a participar na festa do Lume 2014, que este ano vai celebrarse no mosteiro de Bergondo, o sábado 1 de febreiro. O lema da festa é: Contra a crise, autoxestión.

Así presentan a festa na convocatoria que nos achegaron:

O pasado ano, tamén en Bergondo, reflexionamos da man de Josep  Manel  Busqueta (do Seminari de economía critica Taifa, http://seminaritaifa.org/) sobre como outra economía debía ser posible. Porque a actual, a que temos, a que nos presentan como inevitable é, cada vez máis, socialmente inviable. “Fixeron que o impresentable pareza inevitable”. E vai funcionando, pero só funciona realmente ben,  para uns poucos, cada vez “menos poucos”.

En varios anos da chamada crise, transferíronse miles e miles de millóns de euros do sector público, do peto común dos contribuíntes, ao sector privado, principalmente ao financeiro. O prezo foi un recorte brutal nas políticas públicas, que xa malamente aseguraban unha igualdade básica e un tímido estado de benestar social.

A denuncia e a protesta están sobradamente xustificadas. Pero cómpre tamén actuar, propoñer alternativas pequenas, para debuxar unha gran Alternativa. Por iso este ano organizamos unha Mesa de debate e experiencias , diversas iniciativas en diferentes ámbitos para construír alternativas autoxestionadas en contra de crise. Contamos con:

– Unha experiencia de organización cooperativa de mulleres na montaña de Lugo (Ancares de meu)

– Unha oficina de dereitos sociais no barrio dunha cidade (Coia-Vigo)

– Unha plataforma de distribución de alimentos de produtores de proximidade na Coruña (Zoca Miñoca)

– Unha representación dos movementos sociais (Plataforma antidesfiuzamentos)

– Un representante da nova Banca Ética (Fiare)

O plan para a xornada do 1 de febreiro

10,00.- Acollida

10,30.- Asemblea Anual da Asociación Irimia

11,45.- Pausa

12,15.- Mesa de debate e experiencias: Contra a crise autoxestión

14,30.- Xantar compartido

16,00.- Eucaristía