Irimia convídanos a participar na festa do Lume 2014, que este ano vai celebrarse no mosteiro de Bergondo, o sábado 1 de febreiro. O lema da festa é: Contra a crise, autoxestión.
Así presentan a festa na convocatoria que nos achegaron:
O pasado ano, tamén en Bergondo, reflexionamos da man de Josep Manel Busqueta (do Seminari de economía critica Taifa, http://seminaritaifa.org/) sobre como outra economía debía ser posible. Porque a actual, a que temos, a que nos presentan como inevitable é, cada vez máis, socialmente inviable. “Fixeron que o impresentable pareza inevitable”. E vai funcionando, pero só funciona realmente ben, para uns poucos, cada vez “menos poucos”.
En varios anos da chamada crise, transferíronse miles e miles de millóns de euros do sector público, do peto común dos contribuíntes, ao sector privado, principalmente ao financeiro. O prezo foi un recorte brutal nas políticas públicas, que xa malamente aseguraban unha igualdade básica e un tímido estado de benestar social.
A denuncia e a protesta están sobradamente xustificadas. Pero cómpre tamén actuar, propoñer alternativas pequenas, para debuxar unha gran Alternativa. Por iso este ano organizamos unha Mesa de debate e experiencias , diversas iniciativas en diferentes ámbitos para construír alternativas autoxestionadas en contra de crise. Contamos con:
– Unha experiencia de organización cooperativa de mulleres na montaña de Lugo (Ancares de meu)
– Unha oficina de dereitos sociais no barrio dunha cidade (Coia-Vigo)
– Unha plataforma de distribución de alimentos de produtores de proximidade na Coruña (Zoca Miñoca)
– Unha representación dos movementos sociais (Plataforma antidesfiuzamentos)
– Un representante da nova Banca Ética (Fiare)
O plan para a xornada do 1 de febreiro
10,00.- Acollida
10,30.- Asemblea Anual da Asociación Irimia
11,45.- Pausa
12,15.- Mesa de debate e experiencias: Contra a crise autoxestión
14,30.- Xantar compartido
16,00.- Eucaristía