28/08: Petamos no corazón do concello pola reapertura de Sereos

¡Onte algo menos dun cento de persoas achegáronse á praza do Rei para petar simbolicamente no corazón do concello, en concreto dos políticos que alí traballan, co obxectivo de que o programa Sereos volva ao local da rúa Elduayen.  A prensa recolleu o acto nestas novas: www.atlantico.net/noticia/251974/iman/sereos/unidadmovil, www.farodevigo.es/gran-vigo/2013/08/30/concello-estudiara-ubicar-sereos-albergue/868483.html e www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2013/08/30/atendelos-nunha-furgoneta-cutre-na-rua-provoca-moita-dor/0003_201308V30C3991.htm

Deixamos o texto lido na concentración e agardamos que a clase política da cidade sexa quen de devolver o programa ao Casco Vello:

O Colectivo de Autaoxuda IMÁN CEDRO, a Comunidade Parroquial Cristo da Victoria de Coia, e un grupo de usuarios do Programa SEREOS do CASCO VELLO, concentrámonos hoxe aquí ante o deterioro da asistencia social do programa Municipal SEREOS DO CASCO VELLO por ter sido trasladado a unha unidade móbil, para petar no corazón da corporación municipal de Vigo e, especialmente, do Alcalde, Abel Caballero, e da Concelleira de Benestar Social, Isaura Abelarias.

Pechar un dispositivo municipal o día 1 de agosto, sen consultar aos técnicos e avisando a profesionais e usuarios nas vésperas, constitúe un feito politicamente reaccionario e pouco transparente, por non ter explicado a ninguén cáles son os motivos reais de pechar un local municipal fixo e pretender dar a mesma asistencia nunha pequena unidade móbil. Se reduce, desta maneira, o horario presencial do programa, xa que antes prestábase en quendas de mañá e tarde, e agora só de mañá.

O Programa SEREOS DO CASCO VELLO leva funcionando preto de 16 anos, prestando unha fundamental atención a un perfil de persoas da nosa cidade que merecen ser atendidas co maior confort posible, respectando o seu dereito á intimidade e pudor persoal.

Este programa ven sendo unha porta de entrada á rede socio-sanitaria pública, desenvolvendo eficaces programas de prevención no eido das enfermidades infecto contaxiosas, ofrecendo complemento alimentario de almorzo pola mañá e merenda pola tarde, e, sobre todo, constitúe un espazo de encontro e socialización entre iguais, onde profesionais e voluntarios tentan acompañar, informar e coidar ás persoas pobres severas e enfermos crónicos, con empatía, asertividade e tenrura.

Os datos estadísticos do intercambio de material de inxección, que os propios usuarios achegan ao local como acto de responsabilidade, individual e social, o número de almorzos e merendas, e as derivacións, veñen a amosar, ano tras ano, que se trata dun bo programa municipal que debe seguir funcionando nun local fixo e mellorando, se é posible, as ofertas de atención aos usuarios.

Esiximos publicamente a reapertura no mes de setembro do local na Rúa Elduayen, nº 11 e apoiamos calquera cambio de ubicación que puidera mellorar ditas instalacións.

Deixamos diante do Concello de Vigo este corazón, como expresión simbólica de que o Programa SEREOS DO CASO VELLOS debe estar no corazón da cidade, non só como zoa xeográfica, senón, nese corazón que latexa en miles de cidadáns de Vigo que son solidarios, progresistas e tolerantes.

Rexeitamos a actitude do Alcalde e da Concelleira de Benestar Social aos que, tras convocarnos a unha reunión para falar sobre o Programa SEREOS DO CASCO VELLO o pasado martes, non quixeron escoitar as nosas demandas e argumentos, presentándonos os datos dos recortes da Xunta de Galicia en relación coa UAD CEDRO, e negándose taxantemente a falar do Programa, mantendo a opacidade sobre motivos do traslado.

Esta forma de proceder do Goberno Municipal con nos, cos medios de comunicación,  coa cidadanía en xeral e as contestacións que deron á oposición municipal no último Pleno, veñen a amosar prácticas políticas que están favorecendo a desafección cidadán cara a participación activa socio-comunitaria.

Onte, celebrouse mundialmente ó 50 aniversario do emocionante e revolucionario discurso de Martín Luther King, onde se recorda a frase “TIVEN UN SOÑO”,

Nesta fermosa e solidaria cidade de Vigo, no día de hoxe, nos tamén temos un soño; o soño de que o programa SEREOS DO CASCO VELLOS, volva no mes de setembro, ao local de Elduayen nº 11.

Vigo, 29/08/2013