Martes 23: Acto de entrega colectiva: «Esixindo dereitos, non caridade»

A xente da ODS-Coia e da parroquia do Cristo da Victoria convocamos un acto de entrega colectiva para o vindeiro martes 23 de xullo dende as 11h00 no concello de Vigo.

Porque precisamos dereitos e non caridade entregaremos un escrito no Concello, para esixirlle ao Alcalde e á Concelleira de Benestar Social máis dereitos sociais e menos propaganda, nun municipio no que as axudas para situacións de emerxencia social son insuficientes e pouco garantistas.

Achegamos o texto que entregaremos no rexistro do concello de Vigo:

Á CONCELLEIRA DE BENESTAR, IGUALDADE E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA – Isaura Abelairas Rodríguez

A OFICINA DE DEREITOS SOCIAIS DE COIA e a PARROQUIA CRISTO DA VICTORIA, dirixímoslle este escrito con fin de manifestar a nosa decepción e indignación coa actitude que está a amosar o Departamento de Benestar Social no tema das axudas de emerxencia social do Concello de Vigo.

Como vostede pode recordar, o pasado día 5 de Xuño representantes da Parroquia Cristo da Victoria e da ODS-Coia mantivemos unha reunión con vostede e co Xefe de Servizo, Jesús Torrón, na que trasladamos, entre outras, as seguintes preocupacións e reivindicacións:

1º. Opacidade na tramitación das Subvencións Directas Individuais de Emerxencia Social, concretada na desinformación ás persoas interesadas dos prazos, tramitación, e motivos de denegación das axudas.

2º. Inobservancia do procedemento legalmente esixible na tramitación destas axudas: imposibilidade de solicitude por escrito, falla de constancia documental da presentación de documentos, inexistencia de resolución escrita e motivada.

3º. Insuficiencia dos recursos económicos destinados polo Concello a paliar a grave situación de carencia da veciñanza, e a ausencia de políticas efectivas de loita contra o crecente empobrecemento das viguesas e vigueses.

Nese encontro, e despois de expoñer e intercambiar os distintos pareceres sobre este tema, vostede persoalmente, xunto con Jesús Torrón, comprometéronse ambos, expresa e particularmente, a que, se non había obxección por parte dos servizos xurídicos, nun prazo non superior a 15 días, dende as UTS darían entrada por escrito, mediante copia selada, ás solicitudes de axudas que se presentaran, así como que se resolverían os expedientes de forma escrita e motivada, por medio da notificación da resolución denegatoria das axudas solicitadas.

O caso é que, transcorrido máis dun mes dende a asunción dese compromiso, a situación segue a ser a mesma, sen que por parte da Concellería que vostede dirixe se fixese a máis mínima xestión para cumprir cos mínimos requisitos legais e procedimentais expostos.

O incumprimento dos compromisos adquiridos e a falla de resposta pola súa parte evidencian un comportamento inadmisible para unha representante da cidadanía que ten baixo o seu cargo precisamente o “benestar” das veciñas e veciños.

Por todo isto, por medio do presente escrito imos insistir nas nosas demandas e a SOLICITAR:

1º. Que se respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido na tramitación e concesión das Subvencións Directas Individuais de Emerxencia social do Concello de Vigo. (Lei 9/2007 de 134 de Xuño, de Subvencións de Galicia, Lei 30/1992, de 26 de Novembro das Administracións Públicas e do Procedemento administrativo Común, Lei 7/1985 de 2 de Abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e Real Decreto Lexilativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o TR da Lei das Facendas Locais).

2º. Que, en consecuencia, tendo en conta a especialidade deste tipo de axudas económicas, e co fin de garantir a celeridade na súa concesión:

-. Se garanta ós solicitantes a posibilidade de presentar por escrito as solicitudes, mediante formulario normalizado, e conservando os interesados unha copia selada.

-. Se posibilite a constancia por escrito para os interesados da presentación de documentación no correspondente expediente, sexa cal sexa a fase da tramitación do mesmo.

-. Se notifique a resolución motivada pola que se concedan ou deneguen as axudas, con constanza da data de resolución e notificación.

3º. Se amplíen as partidas orzamentarias destinadas ás axudas económicas, e se desenvolvan políticas sociais de asistencia e apoio integrais.

E todo isto, da forma máis inmediata posible.

En caso de que esta Concelleira insista no seu irregular proceder, non dubidaremos en acudir á vía xudicial en demanda do cumprimento da legalidade vixente, co fin de acadar o necesario amparo e xustiza para a veciñanza máis empobrecida da nosa cidade.

Vigo, 23 de xullo de 2013

Emilio Suárez Corujo e Diego Lores Correa

En representación da Parroquia Cristo da Victoria e a ODS-Coia

Un comentario

  1. Me parece muy buena la propuesta por lo que me adiero a ella y les deseo exito.
    No podre asistir porque estoy haciendo un cursillo de cocina, gracias a que tengo una auyuda que me lo permite.
    Me parece muy importante que alla iguales derechos para los ciudadanos que habitamos este territorio de Galicia y que por no haberlos se produscan desigualdades y malos entendidos.

Los comentarios están cerrados.