Remataron os campamentos Vilán 2013

Un ano máis celebramos como complemento das actividades de educación na fe de nen@s, preadolescentes e moz@s da nosa comunidade os chamados, dende 1973 en que se inauguraron, «CAMPAMENTOS PARROQUIAIS».

Comezamos no devandito verán do 73 unidos ao Movemento Júnior da Diócese pero deseguida ideamos unha dinámica propia unida ás actividades de educación na fe. Vilar (Mondariz), Redondo (Barciademera), Barciademera-Rectoral, Lugares, Calvos, A Garda, Poo de Llanes (Asturias), Costa da Morte, Miño, Picos de Europa e finalmente Vilán (Fornelos de Montes) foron os lugares da nosa peregrinación campamental.

En Vilán asentámonos no verán do 89 e alí seguimos xa como uns veciños máis. Máis de 100 acampados e uns 30 monitores pasamos alí este ano dende o 28 de Xuño ata o 15 de Xullo en tres quendas de diferentes idades. Tivemos momentos de educación na fe e valores, momentos de celebración, momentos de ocio na Praia Fluvial formada polos ríos Oitavén e Parada, sendeirismo, obradoiros (feltro, bonecos de fariña e globos, pulseiras, tatuaxes, chaveiros e marcapáxinas, cociña…), moitos xogos de distensión e coñecemento, actividades de ecoloxía, veladas nas que despuntaron futuros artistas… Pero o máis importante foi QUE IMOS FACENDO COMUNIDADE. A primeira comuñón non é un lugar de chegada senón de partida cara á comunidade que se consolida nestas actividades marcando un paso cara ao futuro.

A nosa comunidade agradece a todos os que serviron de apoio loxístico (limpeza, cociña, obras de acondicionamento,… ) e de apoio formativo a súa colaboración desinteresada e anima a que máis membros se sumen a estas actividades que son custosas pero teñen múltiples compensacións. E… ata outubro que seguiremos coas nosas actividades.