A Oficina de Dereitos Sociais-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria, GAS (Grupo de Axitación Social) e tamén polo grupo IMÁN queremos convidarvos ao acto de rúa que organizamos o vindeiro xoves 30 de maio na praza da Constitución.
O acto se desenvolverá entre as 11:00 e as 13:00 horas cunha mesa informativa sobre a campaña “Vivir con dignidade é un dereito”, coa que pretendemos denunciar a dramática realidade que están a padecer moitas familias de Coia e da cidade a través da presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante a Xunta e o Concello; escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.
Está será o terceiro acto de rúa que faremos para recoller escritos e para visibilizar a dor que nos están a provocar os poderes en forma de desemprego, de insuficientes prestacións sociais, de desafiuzamentos… e temos intención de seguir con estas dinámicas que unen a denuncia da acumulación da riqueza de todas por parte dunha minoría coa procura de respostas colectivas e dende abaixo aos nosos problemas.
Mentres facemos público o problema social que supón a falta de recursos para cada vez máis persoas, o alcalde e os políticos da cidade falan de avións cos que nos queren facer esquecer que por exemplo aínda non está executado o plan de axudas sociais para familias con escasos ou nulos recursos por importe de 3,2 millóns de euros, que os atrasos da RISGA en Vigo chegan ata os 9 meses, que servizos sociais denega axudas económicas para necesidades tan básicas como vivenda, luz, auga, alimentación…
Por todo isto esiximos os nosos dereitos e o reparto da riqueza, RENDA BÁSICA XA!