A Oficina de Dereitos Sociais-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e GAS (Grupo de Axitación Social) organizamos hoxe 6 de maio un acto de rúa ás portas das dependencias dos servizos sociais municipais en Coia (rúa Quintela, 31, á altura da Avenida Castelao, 25), co obxectivo de denunciar o crecente empobrecemento que sufrimos inxustamente unha gran parte da cidadanía e esixir ás institucións públicas, neste caso Concello e Xunta, que cumpran coa súa obriga de garantir o dereito de todas as persoas a unha vida digna.
O acto se desenvolveu entre as 10:00 e as 13:00 horas cunha mesa informativa sobre a campaña “Vivir con dignidade é un dereito”, coa que pretendemos denunciar a dramática realidade que están a padecer moitas familias no noso barrio e en toda a cidade a través da presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante a Xunta e o Concello; escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.
Durante toda a mañá decenas de persoas se achegaron a interesarse pola iniciativa e a asinar estas follas de denuncia social.
Imaxes do acto: http://www.flickr.com/photos/axluar/sets/72157633424673869/