Manifestacion Polo Dereito á Vivenda e a favor da ILP da PAH Público

A PAH chama á cidadanía galega a apoiar a mobilización social do 16 de febreiro, que en Vigo sairá dende o Museo do Marco ás 18horas, na que pretendemos que de xeito masivo os cidadáns de ben tomen as rúas para manifestar o seu apoio á Iniciativa Lexislativa Popular que presentamos no Congreso avalada con máis do dobre de sinaturas necesarias, máis dun millón, para responder a este xenocidio financeiro, que é un clamor.

A cidadanía deu unha resposta social e popular á deixadez e ineficacia política, que nin ve nin quere solucionar o drama dos desafiuzamentos porque está preocupada en agasallar aos bancos con cartos públicos e en recortar servizos e dereitos. Os nosos representantes están xordos, e hai tempo que só representan os intereses do poder bancario e financeiro. Mentres colocan aos seus familiares en institucións públicas e empresas con salarios millonarios e vantaxes señoriais, colocan na rúa a centos de familias .

Esta ILP, que pide a dación en pagamento retroactiva, o alugueiro social e unha paralización inmediata dos desafiuzamentos, é a solución clara e inevitable ao drama da vivenda. Nós sabémolo porque afrontamos o problema a diario, e poñemos nome e cara aos casos que para eles son un mero expediente. Esta ILP esgota as vías que o actual sistema ofrece para modificar unha lei: xa falamos cos bancos, cos partidos políticos, cos Concellos e Parlamentos, cos xulgados…. sen obter resposta ou solución, de aí que tomáramos as rendas e decidíramos avanzar neste sentido.

Pero todo indica que o Goberno actuará arrogantemente obstaculizando esta iniciativa, e o Congreso desbotará esta solución ao problema porque choca cos intereses de quen os ten amarrados e amordazados: da banca e do capital.

Se isto acontece, que non dubiden en que aumentaremos a presión social, en que estenderemos as accións de protesta e desobedicencia civil que unha lei inxusta, inmoral e noxenta, merecen. Dende logo, non quedaremos de brazos cruzados mentres amparan e permiten o sufrimento de milleiros de persoas-

De aí que pidamos aos cidadáns e cidadás que amosen o seu apoio nesta manifestación que convocamos. Son eles contra nós, os poderosos que nunca se verán nesta situación, contra o pobo indefenso, contra todos e cada un de nós que pode verse afectado.

Todos xuntos, podemos. Organizados, podemos. Enchamos as rúas para dicirlles que non calaremos : ¡¡ «Se non nos deixades soñar, non vos deixaremos durmir».

Un comentario

Los comentarios están cerrados.