A Dirección Xeral de Cooperación Exterior e coa UE para 2013 reducirá un 38 % os fondos previstos para 2013 en materia de cooperación ao desenvolvemento. O orzamento previsto será de 4.143.379 euros, un 0’05% do orzamento total consolidado previsto. Unha porcentaxe que se sitúa nas antípodas do 0,7 % comprometido para 2017 por todos os partidos que asinaron o Pacto Galego contra a Pobreza.
O máis preocupante é que, segundo comunicaron dende a Xunta, en 2013, e por primeira vez en oito anos, non se adicarán fondos a novas convocatorias de proxectos de cooperación exterior, nin de microproxectos (intervencións centradas en saúde, alimentación, dereitos civís, fortalecemento institucional, etc.). Tampouco se financiarán novos proxectos de educación para o desenvolvemento, baseados no traballo de sensibilización en Galicia sobre as causas e consecuencias da pobreza, nin de fortalecemento institucional das organizacións. Soamente se financiará unha convocatoria de acción humanitaria e axuda de emerxencia dotada con 400.000 euros, aproximadamente. O resto dos fondos orzamentados para 2013 cubrirán os pagos das segundas anualidades dos proxectos aprobados en 2012.
A Coordinadora Galega de ONGD denuncia que o goberno do PP está a incumprir os compromisos electorais e está a dinamitar o traballo que as organizacións da sociedade civil galega apoian dende hai máis de vinte anos nos países do Sur para que milleiros de persoas poidan vivir en condicións dignas. O pasado 27 de setembro, Marta Rodríguez Arias, deputada do PP pola provincia de Pontevedra, participou no debate sobre políticas sociais que tivo lugar en V Televisión e que foi organizado pola Coordinadora Galega de ONGD e a Rede Galega contra a Pobreza. Nese debate afirmou en dúas ocasións que o PP en ningún caso recortaría os orzamentos de cooperación, senón que os aumentaría.
—
Fonte: http://www.galiciasolidaria.org/novas.php?cod=730