Campaña ODS-Coia: Cansas de ser invisibles ímonos mostrar!

As xentes de GAS e da ODS-Coia levamos tempo fartas e cansas de ser invisibles por iso se queren mostrar con esta campaña:

Son tempos de expansión do capital que necesita máis espazo para facer medrar as súas ganancias, e nese movemento estase a levar por diante dereitos, espazos públicos, empregos, natureza, vidas…

En Coia, coma noutros tantos barrios e lugares, estamos a vivir os problemas da perda/retroceso de dereitos sociais os cales traen multitude de atrancos e miserias cotiáns: a imposibilidade de chegar a fin de mes, de pagar os recibos da luz, de pagar a vivenda, de atopar traballo, de acceder a coidados básicos, de descansar… en definitiva de vivir cun mínimo de DIGNIDADE.

Levamos tempo cansas de ser sempre as mesmas as que pagamos as consecuencias do capitalismo, e máis aínda cando nos preguntamos:

– En que petos están os nosos cartos se as estatísticas falan de que a renda per cápita para Galiza no 2011 foi de 20.343 €?

– Por que non temos vivenda ou malvivimos nunha que non podemos pagar cando en Vigo hai preto de 20.000 delas desocupadas?

– Quen ten a culpa de que o Estado Español dedique 666 € por persoa a gasto militar cando máis de 400.000 galegas viven baixo o limiar da pobreza?

– Por que o concello de Vigo denega axudas económicas a persoas que non poden facer fronte aos pagos do mes cando se gastaron 85 millóns de euros en facer o Auditorio de Beiramar?

Por iso, como dixeron as compañeiras de Alambique: Cansas de ser invisibles ímonos mostrar!

Mostraremos que os dereitos que se nos recoñecen son insuficientes, que as axudas de carácter social lonxe de favorecer a autonomía son instrumentos de control social. Que estamos estigmatizadas e que se nos criminaliza por estar nas marxes do sistema e por non participar na tolemia consumista.

Mostremos que é este sistema capitalista o culpable de que medre a pobreza, porque só procura facer ás persoas ricas máis ricas, e necesita a ameaza do paro e a exclusión para manter ao resto da poboación coaccionada e obediente. Isto á vez que converte a pobreza/exclusión nunha fonte máis de negocios para macro ONGs, fundacións e “empresas sociais”.

Mostremos que son os gobernos e as institucións as que perpetúan a situación, impoñendo a austeridade económica para as máis desfavorecidas e necesitadas, abandonando e ocultando as persoas migrantes, as dependentes, as enfermas, as maiores, etc. mentres coida, rescata e obedece as grandes multinacionais e a banca.

É o momento de mostrar que nin necesitamos, nin queremos, a unhas elites que nos gobernen, nos exploten e nos empobrezan para perpetuar a  inxustiza xeneralizada, como sistema político e económico.

É o momento de mostrar que a sociedade temos que facela funcionar para o beneficio da maioría, que a riqueza a creamos entre todas, que ten que repartirse de forma que poidamos vivir dignamente con traballo ou sen el e que ten que servir para cubrir as necesidades básicas de todas as persoas.

Vigo, maio 2012

ODS-Coia e GAS

+info: odscoia.arkipelagos.net/content/campa%C3%B1a-cansas-de-ser-invisibles-%C3%ADmonos-mostrar