Triduo Pascual 2012

A celebración da Pascua na nosa comunidade comezou coa reunión de preparación na que se escolleu o lema («Non teñades medo» Mt.10) e fixéronse cinco grupos para preparar as distintas celebracións: Domingo de Ramos, Xoves Santo, Oración do Venres Santo, Celebración da Paixón e Morte de Xesús e Vixilia Pascual.

Abriu a Pascua a celebración do Domingo de Ramos. Como todos os anos foi unha celebración festiva especialmente concorrida polo público infantil que participou non soamente coas súas aclamacións a Xesús senón tamén con lecturas bíblicas adaptadas que nos comunicaron o sentido de toda a Semana Santa.

O Xoves Santo abriu as celebracións do Triduo Pascual. Un poema de Pedro Casaldáliga («O meu corpo é comida») e unha proxección de diapositivas axudounos a dar sentido á «celebración da cea de Xesús». Catro piares serían os que darían sentido á mesa da nosa eucaristía: F-C-A-J (relacións de Fraternidade, Comprometidas co mundo, Adultos na fe e centrada en Xesús). Compartimos a pregaria de Acción de Grazas e tamén o Pan que, como nos dicía Casaldáliga, «comendo saberemos ser comida».

O Venres Santo comezou cunha oración matutina na capela onde o día anterior se depositara o Pan compartido na celebración do Xoves como signo da presenza de Xesús-Pan de vida e de nós. A capela preparárase coidadosamente con flores e adornos para acoller este e outros anacos de oración. En días anteriores tiveramos con Manolo Regal unha charla sobre «como ser cristián en tempo de crise» e nos deixou un traballo en grupos: reflexión e diálogo sobre Mt. 10. Pois ben, volvemos sobre este texto do envío de Xesús aos seus discípulos e discípulas. Nel encontrábase a frase-lema da Pascua: NON TEÑADES MEDO xunto a diversas actitudes a ter en conta para seguir a Xesús. Foi un anaco de oración tranquila e participada que nos preparou para celebrar pola tarde a paixón e morte de Xesús. Nela fomos lendo pausadamente a Paixón segundo San Xoán, e fomos descubrindo na crucifixión de Xesús os crucificados deste mundo e os que intentaron e intentan baixar da cruz ós crucificados. Unha proxección de fotografías de rostros concretos axudounos na nosa reflexión. Entre os rostros había persoas moi próximas á nosa comunidade: Xullo Lois, Mariña, Quiquillo… que resucitados xa con Xesús nos seguen dando forzas para camiñar.

A celebración do sábado quixemos facela como mandan os canons: «entre dúas luces» (ás 10 da noite). No medio da noite acendemos a luz de Xesús e outras luces que iluminan o noso camiño. O pregón pascual puxo en altofalante o que os nosos corazóns sentían. A Palabra foinos recordando a Pascua ou o Paso Liberador de Deus pola vida dende o principio ata os nosos días. A renovación das promesas do bautismo foi como a nosa nova inserción nesta historia de liberación. E o encontro con Xesús resucitado no pan e viño compartidos a forza indispensable para o camiño. Unha convivencia posterior en torno a uns roscóns achegados entre todos foi o colofón desta Pascua que nos dará forzas para vivir e dar vida.

Dende esta páxina: FELIZ PASCUA DE RESURRECCIÓN!… E NON TEÑADES MEDO!