20/01 Acto de IMÁN no Marco

O Programa Grupo de autoaxuda VIH-SIDA e adiccións Imán da Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo, en coordinación co Museo de Arte Contemporánea de Vigo, desenvolverá o vindeiro venres 20 de xaneiro ás 12:00 horas unha actividade sociocomunitaria co obxectivo de expresar publicamente o seu agradecemento ao MARCO, que xunto á Fundación ArtAids e á Fundació Joan Miró, organizou a exposición «You are not alone», que permanece aberta ao público dende o 21 de outubro de 2011 no contexto da celebración do Día Mundial de loita contra a SIDA.

O Grupo Imán pretende recoñecer así ante o conxunto da cidadanía o valor desta iniciativa levada a cabo polo Museo de Arte Contemporánea de Vigo, que supón un xeito verdadeiramente innovador de sensibilizar á opinión pública sobre o VIH-SIDA a través da arte.

No transcurso do acto o Grupo Imán confeccionará nas escaleiras do MARCO un gran lazo vermello mediante a técnica do trencadis.