«Cinco causas da insurrección árabe», Ignacio Ramonet

Achegamos un artigo do galego Ignacio Ramonet no que analiza as causas dos levantamentos da poboación en distintos países árabes.

Cales son as causas do furacán de liberdade que, dende Marrocos a Bahrein, pasando por Tunisia, Libia e Exipto, sopra no mundo árabe? Por que eses desexos simultáneos de democracia precisamente neste intre?

Para ambas as dúas cuestións, as respostas son de diversa natureza: histórica, a económica, climática e social.

1. Histórica. Despois da fin da Primeira Guerra Mundial e a implosión do Imperio Otomano, o interese das potencias occidentais no Próximo Oriente e na África do Norte respondeu a dúas constantes: o control dos xacementos de petróleo e garantir un fogar nacional xudeu. Tras a Segunda Guerra Mundial e o trauma universal do Holocausto, a creación do Estado de Israel en 1948 tivo como contrapartida, nalgúns Estados árabes liberados do colonialismo, a chegada ao poder das forzas antisionistas –opostas á existencia de Israel– alegando dúas ideoloxías distintas: “militar-nacionalista” en Exipto, Sudán e Iemen, e “árabe socialista” en Iraq, Siria, Libia e Alxeria.

Tres guerras perdidas contra Israel (1956, 1967, 1973) van levar a Exipto e mais a Xordania a asinar os tratados de paz co Estado xudeu e a se aliñar cos Estados Unidos, que xa exercían –como parte da Guerra Fría– unha influencia decisiva sobre as monarquías do petróleo da Península Arábica, así como no Líbano, Tunisia e Marrocos.

Así, Wáshington e os seus aliados occidentais mantiveron os seus dous obxectivos principais: o control do petróleo e a seguridade de Israel. A cambio, garantiron a permanencia no poder de déspotas crueis –o rei Hassan II, o xeneral Ben Alí, os xenerais Sadat e Mubarak, os monarcas sauditas Faisal, Fahd e Abdullah, etc.

2. Política. Nos Estados do chamado “socialismo árabe” (Iraq, Siria, Libia, Alxeria), baixo os cómodos pretextos da “loita contra o imperialismo” e “caza de comunistas”, ditaduras de partido único tamén foron establecidas, gobernadas con man de ferro por antolóxicos tiranos –Saddam Hussein, El Assad pai e fillo, e Muammar el Kadhafi, o máis delirante de todos). Autocracias que garantían, por outra banda, o abastecemento de petróleo das grandes potencias e realmente non ameazaban a Israel –cando Iraq parecía facelo, foi inmediatamente destruído. Así, as aspiracións democráticas das sociedades árabes foron sufocadas baixo un manto de silencio e terror.

As vagas de democratización sucedíanse, no entanto, no resto do mundo. As ditaduras desapareceron, na década de 1970, en Portugal, España e Grecia. Máis tarde, en 1983, en Turquía. Despois da caída do Muro de Berlín en 1989, a Unión Soviética e o “socialismo real” de Europa Oriental colapsaron. En América Latina, unha tras outra, todas as ditaduras militares foron varridas na década de 1990. Namentres, non moi lonxe da Unión Europea, coa complicidade das potencias occidentais –entre elas Francia–, as sociedades árabes ficaron nun estado de glaciación autocrática.

Como os déspotas da rexión non toleraban ningunha forma de expresión crítica, a protesta refuxiouse no único lugar de reunión non prohibido: a mesquita. E ao redor do único libro non censurábel: o Corán. Así se consolidaron os islamismos. A doutrina máis reaccionaria foi espallada por Arabia Saudí co apoio de Wáshington e os seus aliados, que vían un argumento para manter os pobos árabes na “submisión” –significado de “Islam”. Con todo, e especialmente despois da “evolución islámica” iraniana de 1979, un islamismo político ía florecer coas ensinanzas do Corán de sólidos argumentos para esixir xustiza social e loitar contra a corrupción moral, o nepotismo e a tiranía. Deste tronco común van xurdir pólas máis radicais, decididas a conquistar o poder a través da violencia, o terror e a “guerra santa”. Dunha delas naceu Al Qaeda…

Tras os atentados do 11 de setembro de 2001, as potencias occidentais, en conivencia cos “ditadores amigos” locais, atoparon unha nova razón para manter baixo control a sociedade árabe: o medo ao islamismo. No canto de comprender que era unha consecuencia da falta de liberdades e da multiplicación de inxustizas, reforzaron a arbitrariedade, o despotismo e a represión…

3. Económica. Varios países árabes experimentaron recentemente o impacto da crise global iniciada en setembro de 2008. Milleiros de traballadores deses Estados, emigrados a Europa, perderon o seu traballo. O volume de remesas cara ás familias que permanecían nos seus países –que é unha das principais entradas de divisas, por exemplo en Marrocos, en Tunisia, en Exipto…– diminuíu significativamente. A industria do turismo –fundamental tamén para Exipto, Tunisia, Marrocos e Xordania– desintegrouse. O prezo do petróleo –nas últimas semanas por causa da revolta popular en Libia– rebaixouse novamente?

Simultaneamente, o Fondo Monetario Internacional (FMI), impuxo, especialmente en Tunisia, Libia e Exipto, severos programas de privatización dos servizos públicos, unha redución drástica dos orzamentos estatais, unha diminución no número de funcionarios… plans de axustamento estrutural que van deteriorar aínda máis as condicións de vida das persoas. E degradar sobre todo o estado das clases medias urbanas –aqueles que teñen acceso precisamente a ordenador, a teléfono e ás redes sociais– amenaza con mergullalas na pobreza.

4. Climática. Neste contexto, xa de por si explosivo, aconteceu, o verán pasado, nunha zona remota do mundo árabe, un desastre ecolóxico. Mais o planeta é só un. Durante varias semanas, Rusia, un dos principais exportadores mundiais de cereais, coñeceu a peor onda de calor e incendios na súa historia. Consecuencia: a perda dun terzo da súa colleita de trigo… Moscova decidiu suspender a exportación de cereais –que tamén son utilizados para alimentar o gando–, cuxos prezos axiña aumentaron un 45%. O andazo axiña afectou os prezos dos alimentos comúns: pan, leite, carne, polo… E provocou, a partir do outono de 2010, o meirande aumento dos prezos dos alimentos dende 1990. É a segunda crise alimentar mundial en tres anos… No mundo árabe, importador masivo de alimentos, as manifestacións contra os altos prezos comezaron a se multiplicar…

5. Social. Engadamos a todo o precedente unha poboación moi nova e moi numerosa. Explosivos niveis de desemprego. Un acaparamento dos mellores postos de traballo por parte dos familiares dos clans no poder. Unha incapacidade de emigrar porque a UE ten protexidas as súas fronteiras e estableceu acordos con insolentes tiranos locais que son responsábeis do “traballo sucio” para conter os inmigrantes clandestinos…

Faltaba unha faísca para queimar a pradería. Había dúas. Ambas en Tunisia. Primeiro, o 17 de decembro de 2010, a auto-inmolación con lume de Mohammed Bouazizi, un licenciado desempregado que se converteu en vendedor de froitas, e que, publicamente, puxo fin aos seus días como un sinal para denunciar a corrupción e o nepotismo. Entón, as espectaculares revelacións achegadas polo Wikileaks repercutiron nos teléfonos portátiles, redes sociais –Facebook, Twitter–, correos electrónicos e na canle Al-Jazeera, a realidade do sistema de explotación mafiosa establecido polo clan Ben Alí Trabelsi.

O papel das redes sociais resultou determinante. Foron quen de atravesar o muro do medo. Permitindo saber de antemán que milleiros de persoas se van reunir para manifestarse o día D, á hora H, no lugar L, as redes sociais achegan unha garantía de que un non vai acabar só na protesta, ficando exposto individualmente á represión do sistema. O histórico éxito da estratexia tunisiana ía estremecer o mundo árabe.

Fonte: http://altermundo.org/?p=2917