Cidadáns agobiados pola insuficiencia do gasto social

Estas semanas varias situacións que se achegaron pola ODS puxéronlle rostro á miseria que está a provocar o raquitismo das políticas neoliberais en materia de protección social.

Dende hai tempo vimos denunciando os retrasos na tramitación e concesión das prestacións sociais básicas, os problemas polo elevado prezo da vivenda, o estancamento das medidas que ía traer a lei de dependencia, a falta de recursos para as persoas sen fogar… e así poderíamos seguir ata encher a páxina.

Pero nestas liñas queremos facer fincapé en que estes problemas máis alo das críticas que se fagan repercuten nas vidas das persoas, e que cada un de nós temos exemplos das desigualdades e inxustizas que padecemos por mor deste  sistema.

Polo despacho da ODS-Coia pasaron nas últimas semanas persoas con situacións que retratan algúns dos problemas dos que vimos falando dende hai tempo:

– Elena (os nomes son ficticios), acode á ODS tras vir da súa traballadora social que lle di que ten que agardar pola axuda no fogar varios meses, mentres ela seguirá a coidar do seu marido que depende dela para face as cousas máis básica da vida.

– Ana, viu dende Rumania co seu marido e fillo hai máis de cinco anos, con moitas dificultades conseguiron superar os atrancos que marcaron os seus inicios en España. Tras conseguir traballo e acceder a unha vivenda en aluguer subvencionada, agora volven a aparecer os problemas sen traballo e obrigados a pagar un aluguer a prezo de mercado ao rematar o tempo de subvención da bolsa de aluguer.

– Teresa, que enferma e con cincuenta anos non atopa traballo o que lle obriga a solicitar unha RISGA pola que terá que agardar no mellor dos casos oito meses para cobrala. Agora malvive grazas a axuda da súa nai, do paquete que lle dan unha vez ao mes no banco de alimentos e do que aparece na súa procura por unha vida digna.

Son tres historias, aínda que poderiamos contar moitas máis, provocadas por un sistema que engorda aos grandes capitais mentres os gobernos recortan dereitos sociais coa inesgotable excusa da crise.

DEREITOS SOCIAIS PARA TODAS XA!

Vigo, novembro 2010

+info: odscoia.arkipelagos.net