Nós, mulleres crentes da Igrexa galega, tomamos a palabra e facémola pública

Diante da visista Papal a Galiza o vindeiro 6 de Novembro, as Mulleres Cristias Galegas, integrantes da Marcha Mundial das Mulleres, están espallando o manifesto que a continuación publicamos.

Nós, mulleres crentes da Igrexa galega, e con ocasión da visita do Papa Benedicto XVI á nosa terra, Tomamos a palabra e facémola pública

1. Como mulleres adultas comprometidas coa Igrexa e co Evanxeo, como bautizadas con capacidade lexítima para falarlle á comunidade e como herdeiras desa liñaxe de mulleres evanxelizadoras da primeira hora que, desde o principio do cristianismo, tomaron a palabra desde a liberdade do Espírito. E por último, e non menos importante, tomamos a palabra e facémola pública desde o mandato urxente da nosa conciencia que nos move a falar e non calar, porque así o require a dignidade á que nos impulsan Xesús e a sensibilidade social actual.

E queremos dicir:

2. Que a sociedade galega, da que formamos parte, está escandalizada polo gasto de recursos económicos, enerxéticos, mediáticos, loxísticos e de seguridade que require unha viaxe como a que o Papa vai facer a Galiza por unhas horas.

3. Que é manifesta a conivencia desta viaxe cos poderes políticos e económicos máis involutivos e conservadores da nosa sociedade, claramente alleos ás persoas máis desfavorecidas.

4.  Que o Papa se está a colocar nas súas viaxes máis coma un xefe de estado que como un representante dunha igrexa e menos aínda como representante de Cristo. Perdeuse o sentido inicial da sucesión apostólica e, en pleno século XXI, a súa figura ten pouca lexitimidade nesta Igrexa carente dunha mínima articulación democrática.

5. Que se as mulleres representamos a metade da humanidade, na Igrexa somos mulleres máis do 70% das persoas participantes nos actos litúrxicos ou encargadas das tarefas de mantemento e dinamización das parroquias. Porén, somos unha maioría silenciada, sen recoñecemento dos nosos dereitos básicos e sen remuneración económica polas tarefas que sosteñen o día a día das igrexas locais. Tócanos un estatuto de menores de idade e de tuteladas que non podemos consentir.

6. Como maioría, historicamente inferiorizada, o que nos afecta como mulleres precisa ser tido en conta para ben de todas e todos, e da mesma comunidade eclesial. E así:

– Sentimos que nos está a afectar moi negativamente a maioría do pensamento sobre as mulleres transmitido pola xerarquía e os documentos da Igrexa, que pretenden manternos en papeis tradicionais de submisión e obediencia baixo unha capa superficial de idealización “da muller”; non só non axuda a rematar coa tremenda violencia de xénero (que xa causou 56 asasinatos de mulleres no Estado e 4 en Galiza no que vai de ano), senón que mesmo pode estar a mantela en aspectos.

– Sentimos que nos está a afectar moi negativamente a énfase constante nunha doutrina eclesial involutiva en relación a cuestións de moral sexual como o divorcio ou os anticonceptivos, ou outras tan complexas e dolorosas como a sida ou o aborto, cando apenas se di unha palabra pública e comprometida sobre outras que tamén afectan á vida e ao coidado da vida: a desnutrición endémica e as causas da fame, os masacres a minorías, a explotación laboral de menores ou a explotación sexual de mulleres e nenas…

– Sentimos que nos están a afectar moi negativamente as recentes noticias de centos de curas e moitos bispos involucrados en situacións de abuso a nenos e nenas, e a pouca firmeza da xerarquía nas declaracións públicas e nas medidas tomadas,  que supoñen unha vergonza moral e social para a nosa Igrexa. E de por parte, sen xerar unha reflexión básica para unha nova comprensión da sexualidade e do celibato obrigatorio cara unha vida saudable na Igrexa.

– Sentimos que nos está a afectar moi negativamente a prohibición do ministerio do sacerdocio ás mulleres, unha falta básica ao dereito á igualdade que está a frear a renovación da Igrexa, xa que as mulleres con vocación sacerdotal enténdena, na súa maioría, desde unha clave comunitaria. Outras igrexas cristiás gozan del desde hai anos: así, a igrexa presbiteriana de Estados Unidos desde finais do século XIX, a igrexa luterana de Dinamarca desde o ano 1948 ou a igrexa anglicana desde 1994. Isto contrasta, e gravemente, coas últimas normas de dereito canónico coas últimas normas de dereito canónico feitas públicas en xullo pasado que recollen a ordenación de mulleres coma un delitos máis graves equiparándoo á pederastia.

TENDO EN CONTA ESTAS E OUTRAS MOITAS CIRCUNSTANCIAS E VALORACIÓNS:

QUEREMOS DICIRLLE A TODA A SOCIEDADE GALEGA DA QUE NOS SENTIMOS PARTE ACTIVA:

1. Que a mensaxe cristiá non é unicamente o que transmite o Bispo de Roma ou a Conferencia Episcopal Española. Hai outras palabras na Igrexa, outros xeitos de vivir como mulleres e homes crentes e de entender a vida e a fe. Abondan exemplos ao longo da nosa historia e na actualidade.

2. Que cada persoa, cada colectivo, cada relixión, cada sociedade teñen as súas propias palabras, únicas e valiosas; por iso apostamos por unha Igrexa de comunidades que non se erixa nin en xuíz doutras relixións nin do pensamento laico e, no entanto, escoite e comparta buscas comúns.

3. Que moitos e moitas de nós estamos a traballar por esa “outra Igrexa posible” máis próxima á vida do día a día, máis organizada cos sectores sociais empobrecidos, máis respectuosa coa diversidade e máis celebradora da bondade da vida.

QUEREMOS DICIRVOS A VÓS, HOMES LAICOS, CURAS, monxes e bispos,   COMPAÑEIROS DE CAMIÑO NA IGREXA GALEGA:

1. Que, nosoutras, mulleres, enchemos os templos, animamos as catequeses de crianzas, de mocidade e de xente adulta, dinamizamos as comunidades, formámonos na fe e estudamos teoloxía, sostemos economicamente as parroquias,  impulsamos e participamos en movementos de Igrexa, apoiamos iniciativas eclesiais en favor dos sectores marxinalizados…

2. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, queremos que se abran espazos onde a nosa palabra diferente sexa escoitada.

3. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, queremos sentirnos recoñecidas e valoradas no que achegamos.

4. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, queremos poder decidir sobre as cuestións que nos afectan directamente

5. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, queremos compartir con vós as decisións que afectan á vida da Igrexa

QUEREMOS RECORDARNOS A NÓS, MULLERES laicas, relixiosas e monxas DA IGREXA GALEGA:

1. Que na actualidade, unha das chamadas do Espírito e un dos maiores servizos ao Evanxeo é afondar na nosa conciencia de mulleres desde a propia situación social e eclesial para, desde aí, promover unha necesaria apertura na Igrexa.

2. Que para iso, necesitamos escoitarnos interiormente desde o Espírito como mulleres, e tamén falar e facer camiño con outras mulleres.

3. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, precisamos tomar decisións sobre as cuestións que nos afectan directamente.

4. Que, posto que traballamos activamente na Igrexa e a estamos sostendo, precisamos reclamar poder compartir as decisións que afectan á vida da Igrexa.

Colectivo “Nós-mulleres-tomamos-a-palabra-na-Igrexa-galega” | mulleres.nos@gmail.com

Galiza, outubro de 2010

Un comentario

  1. I just want to tell you that I am newbie to blogs and honestly liked this web blog. Most likely I’m likely to bookmark your site . You amazingly come with tremendous posts. Bless you for revealing your web page.

Los comentarios están cerrados.