Celebramos co grupo IMÁN o Día de Defuntos lembrando aos compañeiros mortos

Como xa ven sendo habitual, celebramos o Día de Defuntos cos compañeiros do grupo Imán nos xardíns do pazo de Castrelos ao carón dunha pedra que nos convida a que fagamos no presente as cousas que quixeramos ter feito cando morramos. O acto sinxelo, coma sempre, música de Saúl Puga para facer ambiente, lectura dun manifesto e quizáis a parte máis emotiva cando se repasan en voz alta o nome dos compañeiros do grupo mortos dende o seu comezo que remata cun minuto de silencio.

Tamén houbo tempo para reclamar a urxente apertura do albergue que nolo lembraba un dos salvavidas usados no último acto. O día 8, nun acto da Rede, teremos ocasión de berrrar pola súa apertura.

Benqueridas amigas e amigos:

Un ano máis xuntámonos a carón desta pedra funeraria que nos convida a que fagamos no presente as cousas que quixeramos ter feito cando morramos. E como cada 2 de novembro, queremos lembrar aos compañeiros e compañeiras que ao longo dos 20 anos da nosa andaina como grupo finaron a causa do VIH/SIDA, das adiccións e da pobreza. Nós, que os coñecimos e os quixemos, negámonos a que as súas mortes, e sobre todo as súas vidas, queden no olvido, e reavivamos con este acto o seu recordo, porque sabemos que compartir esta lembranza en grupo nos axuda a atenuar a dor que sentimos pola súa ausencia e nos axuda tamén a renovar o noso compromiso solidario para continuar a loitar pola vida e a saúde, e contra a exclusión social.

Dende esta a nosa opción colectiva de protexer a vida e coidar a saúde, queremos reflexionar hoxe, en primeiro lugar, sobre o dano que o consumo de substancias aditivas causa ao noso redor: non so fan que enfermemos física e psiquicamente, senón que ademáis afectan de xeito moi grave á convivencia coas nosas familias e amigos e coa sociedade en xeral, e en moitos casos nos condenan á exclusión. Así, enfermos, pobres e sen teito, loitamos por sobrevivir, sufrindo ademáis o rexeitamento de gran parte da sociedade.

Hoxe queremos reafirmarnos na nosa dignidade como seres humanos. Todos e todas nós merecemos e debemos coidar da nosa vida e da nosa saúde, e para mellorar as nosas habilidades nos autocoidados comprometémonos a continuar a traballar como grupo. Pero, como seres humanos enfermos, tamén merecemos e debemos ser coidados polo resto da sociedade e polas institucións públicas. Por iso, non podemos rematar este acto do Día de Defuntos sen alzar a voz para esixir unha vez máis ao Concello de Vigo e á Xunta de Galicia que cheguen a un acordo que permita a inmediata apertura do Centro de Inclusión Social.

Porque sabemos que este dispositivo social pode salvar as vidas de moitos compañeiros e compañeiras; e porque non queremos que nin unha persoa sen teito máis atope a morte nas nosas rúas e choupanos.

Por iso, no nome de todas as persoas falecidas no contorno da enfermidade e da pobreza nos últimos anos, pedimos hoxe, esiximos: Centro de Inclusión Social xa!

Xardíns do Pazo Quiñones de León – Castrelos, 2 de novembro de 2010

que nos convida a que fagamos no presente as cousas que quixeramos ter feito cando morramos