Desde a REDE SOCIAL GALICIA SUR, rede que agrupa a 12 organizacións e colectivos, sen vinculacións partidistas nen sindicais, que traballan no eido social e na cooperación internacional ao desenvolvemento co fin de acadar unha sociedade máis xusta, igualitaria, equitativa e sostible que respecte os dereitos das persoas, consideramos inxustas as medidas de recorte en gasto social recentemente anunciadas polo Goberno de Xosé Luis Rodríguez Zapatero, entre elas, a redución da Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD).
Non podemos dar por feito que a solución para controlar o déficit público sexa o recorte en gastos sociais, e avalar que as persoas máis vulnerables, de aquí e do Sur, continúen pagando as consecuencias dunha crise que non contribuíron a xerar. Esta noticia supón, unha vez máis, a derrota das persoas e as súas necesidades, fronte á especulación financeira, e reafirma un modelo económico que cada día se mostra máis inxusto, insostible e excluínte, como vimos sostendo as organizacións sociais dende hai tempo.
As crises, dende unha lóxica meramente presupostaria e de xestión pública, levan cara a unha redución de recursos e a unha necesidade de establecer prioridades de gasto. Chegado o momento de priorizar, avogamos porque se poña as persoas por diante. Cremos que hai outros capítulos presupostarios moito máis susceptibles de recorte como é o do gasto militar (49,75 millóns de euros ao día en España no presente ano). Non estamos a dicir nada novo. A propia Nacións Unidas formulou en 1994 o «Dividendo de Paz», que suxería, en tempos de crise, o recorte dos gastos e investimento deses recursos en gastos sociais.
Cremos, ademais, que formular unha solución de recorte de gasto social sen considerar sequera a posibilidade de aumentar os ingresos é optar por un camiño inxusto e parcial. Existen outras opcións. Unha proposta podería ir dirixida a atender con seriedade o que sucede nas finanzas internacionais, unha das vías polas que se coou a crise nas nosas vidas. Son xa varias décadas nas que a sociedade civil internacional veu traballando en fórmulas innovadoras de financiamento para o desenvolvemento e a solidariedade. Tal é o caso da aplicación dunha taxa en torno ao 0,1% nas transaccións especulativas. Este imposto é coñecido como taxa Tobin.
Esta porcentaxe, simbólica, pode recadar grandes cantidades de diñeiro que puidesen investirse en partidas sociais como mecanismo de control do sistema financeiro e da redistribución da riqueza. O Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento afirma que con só o 10% da suma recadada sería posible proporcionar atención sanitaria a todos os habitantes do planeta, suprimir as formas graves de malnutrición e proporcionar auga potable a todo o mundo.
Con estes exemplos queremos mostrar que as alternativas son posibles, poñendo as persoas en primeira fila de atención pública, non das políticas de maior sacrificio, especialmente a aqueles colectivos máis desfavorecidos e castigados pola crise.
Por último, queremos mostrar a nosa inquietude pola posibilidade de que o recorte de gasto suxerido ás Comunidades Autónomas e Entidades Locais rabuñe tamén fondos sociais e fondos de cooperación, afectando tanto ás persoas máis desfavorecidas aquí no Norte, como xerando máis pobreza extrema en países do SUR. A Xunta de Galicia xa reduciu dos orzamentos de 2010 máis de 1 millón de euros na partida de cooperación ao desenvolvemento.
Por todo iso, instamos a enfrontar con responsabilidade e valentía ese desafío. A enfrontalo en clave de xustiza humana e social.
A Rede Social Galicia Sur a conforman a Asociación Xuvenil Abertal, Cáritas diocesana Tui-Vigo, Comité Óscar Romero, Emaús Fundación Social, Educación sen fronteiras, Entreculturas, Grupo o Imán, Intermon Oxfam, Médicos do mundo, Fundación Proclade, Solidaridade Internacional de Galicia e a parroquia do Cristo da Victoria.
Máis información: Rede Social Galicia Sur – Alberto Gómez (Portavoz da Rede Social Galicia Sur) – Tel: 610 560 756