«Grazas pola gratitude» (Crónica da XXXII Romaxe de Crentes Galegos tomada de Irimia-nº 794)

 Achegamos a crónica da XXXII Romaxe de Crentes Galegos tomada de Irimia-nº 794) co título "Grazas pola gratitude":

A beira do mar de Aguiño trouxemos augas de toda a Terra, augas para as bendicir. Era a Romaxe trinta e dúas, e cantabamos igual que hai trinta e un anos, no mesmo lugar, “imos rematar coas tebras, que a noite abondo durou, e se o sol non quer saír, alumamos todos nós”.

“MOI BEN O PASAMOS SEMPRE NO BERRO SECO”

En marcha

Ás dez aterrei na casa de meus pais, para irmos xuntos cara Aguiño. Segundo as miñas contas eu debín ser concibida nunha noite de Romaxe. Máis en concreto, na de Ponteledesma, cando se inauguraron aquelas acampadas de xente nova que axudaba na organización e tocábase a guitarra baixo as estrelas. Eran outros tempos, xa se sabe. E, claro, unha fica fortemente impresionada por este tipo de datos, convencida de que deixan unha pegada indeleble. Si, a Romaxe gústame dende sempre. Este ano, ademais, foi ben bonitiña dende o principio ata o fin. Vouvos, pois, contar como foi este día, que ten tanto de aniversario para min.

O día prometía praia, así que metemos as toallas na mochila, onde ían as tortillas e algúns dos tomates apañados na horta antes de saír. E puxémonos en camiño. Así nos achegabamos, viamos xente coñecida que tamén se dirixía cara alá. Ningún de nós se perdeu, porque a organización estivo perfecta en todos os detalles: carteis visibles que nos indicaban o lugar, unha acollida con deliciosos mexillóns, e unha carpa para protexernos non tanto do sol, senón do frío: o da néboa que ía caendo o longo de toda a celebración.

Encher o corazón de grazas

Aquí teño a guía ao meu carón. Estaba relendo a celebración, toda chea de cancións. Foi moi emocionante saber a don Paco de Aguiño con nós, e recuperar a Meiga de hai trinta e un anos, e escoitar o que, ademais destes últimos, a Serea e o Frade nos tiñan que dicir. Polo sitio no que estabamos, había quen comentaba que era unha mágoa que non se usase máis a fala de Aguiño, tan xeitosa, polos que estaban aí arriba no escenario, que por certo, brillaba aínda que faltase o sol: tiña unha barca vermello- mapoula co lema da romaxe “un mar de grazas”, redes colgadas no fondo e algunha que outra flor.

E a celebración foi iso, un mar de grazas, polas xentes do lugar, polo traballo de mariñeiros e regateiras, de patróns e de redeiras, dunha historia local que é un pequeno anaco da historia de Galicia contada desde abaixo. Así se poñía de manifesto nun dos momentos que máis nos gustou: o da lectura do poema de Unai González, que empezaba así: Naciches nunha terra enfeitizada/do arrecender do mar embravecido,/da fermosura plena e asolagada/ e do amencer salgado aínda durmido. Moito lle aplaudimos o rematar, case ata que nos doían as mans. No Evanxeo sucedeu algo marabilloso. Non sei se sería a Meiga con algún dos seus engados, pero o certo é que moitos dos que estabamos alá entendemos unha cousa sinxelísima: hai que mudar o corazón. Esa mudanza do corazón quedou moi ben reflectida no gran símbolo da celebración, no símbolo do pan, -bendito a tódolos efectos, que sempre hai quen se despista-, pan partido, repartido e compartido. Nesa formulación resúmese ese proxecto de vida: ser pan para os demais.

E tamén a rumboia, e o berro seco, foron anacos de moito gozar. A primeira, porque alí todos nos puxemos a bailar coma posuídos por un espírito de primavera, de pura festa da que nace sen razón. E o segundo polo mestre de cerimonias, o Mero da Quenlla, que nos fixo ouvear ata catro veces nalgún dos tres berros. Os nenos pequenos, ante semellante manifestación de tolemia colectiva militante, abrían os olliños sen entender ren. Para sorpresa de todos, case cando estabamos a rematar a nosa celebración a néboa comezaba a se desfacer para deixar pasar unhas febras de calor, quizais como promesa do que vai ser o ano próximo en Monterroso.

A multiplicación das empanadas

A comida estivo tinguida de gaiteiros. O sitio prestábase ata para asar unhas sardiñas. Pero nós, fieis á tradición, xuntámonos cos amigos sobre unha alfombra, no chan, poboada de empanadas, queixo e fritos variados. Moi ben o pasamos entón, cando das cestas sacamos todo o de comer. A altura da sobremesa está todo o mundo mesturado na procura de café e doces innovadores.

Foi entón cando uns cantos intrépidos decidimos irnos bañar. Agora, que eran máis os que, sen querer probar a auga, quixeron pasear ata a praia, esa na que hai trinta e un anos se celebrou a segunda Romaxe. E creádesme ou non, terminamos cantando a Internacional en búlgaro, por razóns estritamente sentimentais, e o feito de que a Romaxe, cada vez, se está a facer máis plural (búlgaros, polacos, eu que sei…).

Pero tamén houbo unha gran festa nos arredores do palco onde os da Quenlla e os gaiteiros do lugar deleitaron a xente cunha hora de música e cantares. As amigas e amigos da Quenlla foron mesturando cancións moi festeiras con cantos que fan pensar e moven as entrañas: “silencios na memoria”, “como hei vivir sen a luz túa”…

Recollidos na Igrexiña de Aguiño

Rematada a festa do palco foron centos e centos os que se dirixiron ata a Igrexa parroquial de Aguiño, que ás 6 da tarde xa estaba chea e iso que aínda faltaba media hora para que dese comezo a oración animada polas comunidades do Cristo da Victoria de Vigo. Antes desa oración, o Rubén explicou os elementos artísticos e arquitectónicos desa igrexa pensada por Paco co desexo de que tal templo fora todo el homenaxe ás xentes do mar.

A oración, que invitaba a mollarse nela, tivo tres partes: a primeira parte enlazou coa celebración da mañá e estaba centrada na gratitude. Na segunda parte falaron as imaxes e a poesía a través da audición con imaxes da canción de luar na lubre “canto de andar”. A terceira parte foi unha invitación a crear un mundo novo sen que o medo nos paralice. E saíu a xente do templo rezando xuntos unha pregaria de Manolo Regal e cantando o “xurdirá”. Xa no adro, ante o busto de Paco, rezouse un Noso Pai-Nai e as xentes despedíronse coa promesa de reencontrarse o 11 de setembro en Monterroso.

Un mar de grazas a todas e todos os que coa vosa presenza e coas vosas achegas e o voso traballo fixestes posible a 32 romaxe. De xeito especial, un mar de grazas para ese pobo tan irimego que é Aguiño.

 

María López