«A cara oculta dos supermercados», Esther Vivas

Achegamos este artigo de Esther Vivas baixo o título "A cara oculta dos supermercados" que nos permite iniciar unha reflexión sobre como o noso consumo cotiá interfire no devir do planeta.

Pero existen alternativas. Nun planeta con recursos naturais finitos é imprescindible dar conta dun consumo responsábel e consumir en función do que realmente necesitamos, combatendo un consumismo excesivo, antiecolóxico e superfluo.

A gran distribución comercial (supermercados, hipermercados, cadeas de desconto) experimentou nos últimos anos un forte proceso de expansión, crecemento e concentración industrial. As principais compañías de venda ao detalle entraron a formar parte do ranking das maiores multinacionais do planeta e convertéronse nun dos actores máis significativos do proceso de globalización capitalista.

A súa aparición e desenvolvemento cambiou radicalmente o noso xeito de alimentarnos e de consumir, supeditando estas necesidades básicas a unha lóxica mercantil e aos intereses económicos das grandes corporacións do sector. Prodúcese, distribúese e come aquilo que se considera máis rendíbel, obviar a calidade da nosa alimentación. Aditivos, colorantes e conservantes convertéronse en algo cotián na elaboración do que comemos. En Estados Unidos, por exemplo, debido á xeralización da comida rápida, calcúlase que cada cidadán toma anualmente 52 quilos de aditivos, feito que xera crecentes doses de intolerancia e alerxias. O publicitado como "natural" non ten nada de ecolóxico e é resultado de procesos de transformación química. A nosa alimentación, lonxe do que producen os ciclos de cultivo tradicionais no campo, acaba desembocando nunha alimentación "desnaturalizada" e de laboratorio. As súas consecuencias: Obesidade, desequilibrios alimentares, colesterol, hipertensión… e os custos acaban sendo socializados e asumidos pola sanidade pública.

Os alimentos "viaxeiros" son outra cara do actual modelo de alimentación. A meirande parte do que comemos viaxa entre 2.500 e 4.000 quilómetros antes de chegar á nosa mesa, co conseguinte impacto ambiental, cando, paradoxalmente, estes mesmos produtos son elaborados a nivel local. A enerxía utilizada para mandar unhas leitugas de Almería a Holanda, por exemplo, acaba sendo tres veces superior á utilizada para cultivalas. Atopámonos perante un modelo produtivo que induce á uniformización e á estandarización alimentares, abandonando o cultivo de variedades autóctonas en favor daquelas que teñen unha maior demanda por parte da gran distribución, polas súas características de cor, tamaño, etc. Trátase de abaratar os custos de produción, aumentar o prezo final do produto e conseguir o máximo beneficio económico.

Non en balde, segundo o sindicato agrario COAG, os prezos en orixe dos alimentos chegaron a multiplicarse até por once en destino, existindo unha diferenza media de 390% entre o prezo en orixe e o final. Calcúlase que máis do 60% do beneficio do prezo do produto vai parar á gran distribución. A situación de monopolio no sector é total: cinco grandes cadeas de supermercados controlan a distribución de máis da metade dos alimentos que compran no Estado español acaparando un total do 55% da cota de mercado. Se a estas sumamos a distribución realizada polas dúas principais centrais de compra almacenistas, chegamos á conclusión de que só sete empresas controlan o 75% da distribución de alimentos. Esta mesma dinámica obsérvase en moitos outros países de Europa. En Suecia, tres cadeas de supermercados teñen o 95,1% da cota de mercado; en Dinamarca tres compañías controlan o 63,8%; e en Bélxica, Austria e Francia unas poucas empresas dominan máis do 50%.

Unha tendencia que se prevé aínda maior nos vindeiros anos e que se visualiza moi claramente a partir do que se veu en chamar a "teoría do funil": millóns de consumidores por unha banda e miles de campesiños pola outra e tan só unhas poucas empresas controlan a cadea de distribución de alimentos. En Europa, contabilízanse uns 160 millóns de consumidores nun extremo da cadea e uns tres millóns de produtores no outro, no medio unhas 110 centrais e grupos de compra controlan o sector. Este monopolio ten graves consecuencias non só no agricultor e no consumidor, senón tamén no emprego, no medio ambiente, no comercio local, no modelo de consumo.

Pero existen alternativas. Nun planeta con recursos naturais finitos é imprescindible dar conta dun consumo responsábel e consumir en función do que realmente necesitamos, combatendo un consumismo excesivo, antiecolóxico e superfluo. No práctico, podemos abastecernos través dos circuítos curtos e de proximidade, en mercados locais, e participar, na medida das posibilidades, en cooperativas de consumidores de produtos agroecolóxicos, cada vez máis numerosas en todo o Estado, que funcionan a nivel barrial e que, a partir dun traballo autoxestionado, establecen relacións de compra directa cos labregos e produtores da súa contorna.

Así mesmo é necesario actuar colectivamente para establecer alianzas entre distintos sectores sociais afectados por este modelo de distribución comercial e polo impacto da globalización capitalista: campesiños, traballadores, consumidores, mulleres, inmigrantes, mozas… Un cambio de paradigma na produción, a distribución e o consumo de alimentos só será posíbel nun marco máis amplo de transformación política, económica e social e para conseguilo é fundamental o impulso de espazos de resistencia, transformación e mobilización social.