Novo debate sobre o albergue para os sen teito

A prensa local publica hoxe varias novas (Voz de Galicia e Qué!) que resultan chamativas á vista das últimas mobilizacións feitas por distintos colectivos da cidade englobados na Rede Social Galicia Sur. Os xornais e a web do concello anuncian que o albergue abrirase inicialmente na Gota de Leite mentres se fan as obras pertinentes para o seu emprazamento definitivo na Escola de Hostelería.

Este anuncio ten sentido logo da reunión mantida por membros do grupo Imán co alcalde o pasado mércores 27 de maio e na que lle achegaron a opinión do grupo sobre os últimos feitos. Cabe sinalar que esta postura que a prensa anuncia como a dos colectivos sociais da cidade pertence exclusivamente ao grupo Imán, existindo colectivos que non teñen tan clara esta proposta.

O grupo Imán fainos chegar a reflexión, que procuraremos complementar con máis novas sobre o asunto.

«REFLEXIÓN ACERCA DA APERTURA DO ALBERGUE DE TITULARIDADE PÚBLICA NA CIDADE DE VIGO»

Ante a complexa situación de confrontamento entre distintas institucións, administracións e colectivos que está a darse nos últimos meses en relación ó proxecto do albergue de titularidade pública, e que está a demorar ata o insoportable a apertura dese espazo urxentemente necesario, queremos compartir a seguinte reflexión, co desexo de que sexamos quen de atopar unha solución xusta e satisfactoria para todas a partes implicadas e que permita a inmediata posta en marcha do albergue para persoas sen teito.

En primeiro lugar, temos que afirmar que tras tantos anos de loita ─de mobilizacións nas rúas e prazas da nosa cidade, pero tamén de reunións nos despachos das diferentes administracións─, nunca en Vigo estivemos tan preto de inaugurar un Centro de Emerxencia Social dotado de camas para as persoas sen fogar.

En efecto, a apertura do Edificio Fogar San Pelaio, no que xa remataron as obras de acondicionamento para a primeira fase proxectada, podería ser inmediata, se non fose pola ausencia de consenso.

Sen dúbida, o obstáculo fundamental é que o edificio en cuestión está a ser reivindicado para outros usos. En concreto, o Concello de Vigo pretende ubicar no seu interior as novas dependencias da Policía Local.

Con respecto a esta demanda, queremos expresar, en primeiro lugar, que comprendemos, e mesmo podemos compartir, as reivindicacións da Policía Local, que ante a precariedade manifesta das instalacións nas que se ve obrigada a desenvolver o seu traballo na actualidade, esixe a habilitación dun novo espazo que mellore e dignifique as súas condicións laborais.

Ademáis non queremos eternizarnos nunha discusión interminable sobre se o Fogar San Pelaio é a ubicación idónea ─ou mesmo indispensable─ para as dúas funcións propostas (o albergue e a Policía Local), porque o certo é que nesa cuestión uns e outros temos argumentos para defender a nosa preferencia.

Por iso estamos convencidos de que neste momento urxe sentar a falar con todos e todas na búsqueda dunha solución conxunta, que estimamos posible. Porque se non hai consenso non haberá albergue, cando menos a curto prazo, e as persoas sen fogar non poden aceptar ningunha demora máis.

Así as cousas, nós estariamos dispostos a negociar unha proposta na que todo parece indicar que habería certo consenso:

O Centro de Emerxencia Social podería abrir as súas portas inmediatamente no Fogar San Pelaio, onde quedaría ubicado cando menos durante seis meses, tempo durante o cal se iría acondicionando a sede definitiva do albergue, que podería ser, según a proposta do Concello, a totalidade do edificio da antiga Escola de Hostelería, cunha capacidade similar para a acollida e cunha ubicación privilexiada tamén para o colectivo das persoas sen fogar, no corazón do Casco Vello. Sería entón, no momento en que estivese acondicionado este edificio, cando o albergue ─xa en pleno funcionamento─ se trasladaría ó seu espazo definitivo, e se podería dar inicio ás obras no Fogar San Pelaio destinadas a acoller no futuro as novas dependencias da Policía Local.

Por suposto, sabemos que esta posible solución ou calquera outra que xurda froito da negociación entre as partes implicadas poderá non ser a perfecta nin exactamente a que tiñamos pensado de antemán; sen embargo, cremos que será aceptable sempre que academos o fundamental: que as persoas sen fogar teñan dende xa o seu albergue.

Quizáis algúns dirán que negociar é ceder… Pero tras tantos anos de loita, nós pensamos que facer realidade dunha vez por todas o albergue na nosa cidade é máis importante que continuar a demorar a súa apertura polo empeño de non ceder en nada.

Esta é a mensaxe, en fin, que nos gustaría trasladarvos a quen dun xeito ou doutro está implicado neste conflito: o noso convencemento de que estamos nun momento crucial no que o interminable cruce de declaracións mediáticas e mobilizacións dunha parte e doutra deben deixar paso ó diálogo, antepoñendo a todas as demais consideracións a finalidade última perseguida, é dicir, a posta en marcha do Centro de Emerxencia Social. Consideramos que chegou o momento das negociacións e dos despachos, para que se cumpran os sonos dos centos de persoas que pensamos que a gran cidade de Vigo sería máis solidaria e fermosa cun albergue de titularidade pública para os máis necesitados e, en definitiva, con máis camas sociais. Por iso, temos decidido non participar da discusión mediática e facer unha chamada ó entendemento.

Porque é de xustiza, demandamos a apertura inmediata da primeira fase do edificio Fogar San Pelaio e a posta á disposición das persoas sen teito das camas existentes. Pero tamén, porque é sensato, afirmamos que estamos dispostos a estudar e a negociar con seriedade e responsabilidade as propostas dos outros colectivos para chegar a un acordo final satisfactorio para todos.

Un comentario

Los comentarios están cerrados.