Resumo da Asemblea Anual de Crentes Galegos

O sábado 18 de abril tivo lugar no Colexio La Salle de Santiago de Compostela a Asemblea Anual dos Crentes Galegos. Esta Asemblea é un espacio da Igrexa Galega que agrupa ás comunidades populares de base de Galiza, entre elas a nosa de Coia. O tema tratado foi o de “Decrecemento, a esperanza global”.

Presentamos un resumo da Asemblea e o comunicado final que apareceu na prensa.

 

"COMUNICADO DE PRENSA: ASOCIACIÓNS DA IGREXA DE BASE DE GALICIA"

As Asociacións de Igrexa de Base Galegas: Somos Igrexa, Irimia, Encrucillada, Mulleres Cristiás Galegas e outras integradas na Coordenadora de Crentes Galeg@s e a nivel estatal no Colectivo REDES CRISTIÁS (somos máis de 150 asociaciación e entidades) acordaron na súa Asemblea Anual propoñer unha Campaña orientada a defender:

“O decrecemento solidario como alternativa fronte a Crise Económica do Sistema Capitalista”.

Para esa Campaña, acordamos:

1- Respaldar alternativas como a promovida polo Sindicato Labrego Galego que está a reclamar a Soberanía Alimentar proposta por Vía Campesiña. Sentimos a necesidade dun cambio de mirada en tódolos eidos; cambio nas regras que rexen o comercio mundial; xustiza comercial, que implica eliminar as subvencións que permiten exportar ós países ricos os produtos por debaixo do seu custe real, danando ós produtos e arruinando ós produtores dos países empobrecidos, ou menos favorecidos, (caso do leite en Galicia).

2- Respaldar e promover os proxectos que en Galicia comezan agromar, aínda que con certa cativeza, pero con ilusionada esperanz de agricultura ecolóxica e sostible, entre outros coñecemos: “O grelo Verde” e “Proxecto Amorodo Tamén proxectos alternativos no campo das finanzas como AIS O Peto que estimula en Galiza a “banca solidaria” a través do Proxecto “Fiare”. Proxectos estes que axudan a humanizar o mercado, vendendo os produtos de temporada, respectando os ciclos da natureza, baseándose na complementariedade e solidariedade e non na competitividade.

3- Convencidos que co decrecemento solidario que propoñemos chegaremos a unha sociedade máis xusta, creando unha vida máis digna para todas e todos sen exclusións; obrigados a compartir para que todos teñan as necesidades básicas vitais cubertas. Por todo isto reivindicamos a defensa do dereito á esperanza e, a defensa do dereito a utopía. Todos somos necesarios para cambiar á sociedade, temos a obriga de actuar na defensa ecolóxica da nosa nai Terra: co aforro da enerxía da auga… , na defensa social do nosos irmás e irmáns: comercio xusto e xustiza social, tendo en conta as relacións de xénero. Por todo isto entendemos que outro mundo é posible “ Vivir con menos para vivir mellor”.

Tentaremos ao longo do presente ano facer presente nos nosos grupos e comunidades de base a forza desta alternativa baseada en decrecer productivamente para crecer humanamente. Convidamos ao conxunto da Sociedade Galega a sumarse a esta Iniciativa.

 

– – – – –

 

"ALTERNATIVAS A CRISE: Decrecemento, austeridade compartida, esperanza global"

Nesta Pascua de Resurrección reunímonos en asemblea as comunidades, movementos e grupos de cristiás galegos/as, no colexio La Salle, de San Roque, en Compostela.

Por que nos reunimos? Porqué coincidimos nunha mesma definición como persoas no mundo.

1º- Antropolóxicamente sentímonos como persoas que intentan definirse e definir a vida en base a unha opción, que é á vez unha profunda vivencia, acerca do sentido da Realidade (con maiúscula), do ser humano e da sociedade.

Lemos esa Realidade e as súas múltiples inclusións seguindo o camiño de Xesús de Nazaré e a súa predicación do Reino de Deus e a liberación dos pobres. Coincidimos coa súa experiencia do Misterio da Realidade como persoal, paterno-materna, compasiva, substrato do todo. Sobre todo experimentámola –horizontalmente- como creadora de “Fratría”, sentimento de religación con tódolos humanos, especialmente coas vítimas da inhumanidade.

2º- Sociopolíticamente, aínda que configuramos grupos moi variados e diferentes de orixe e estrutura dispar, coincidimos nas lecturas das circunstancias humanas nas que nos tocou vivir e compartimos valores e loitas. Lemos o noso mundo desde éticas comúns, compartidas e consensuadas, sen que nos prive de suxerir as opcións coa esixencia propia das actitudes maximalistas de Xesús de Nazaré.

3º- Participamos dunha mesma opción prioritaria –ou talante, cando se require- de apertura e colaboración mutua e de cara a tódolos seres humanos e de boa vontade, con un positivo prexuízo a favor das loitas populares dos pobres, marxinados e desprezados.

4º- Buscamos unha linguaxe, unha simbólica común, pero tamén modos de expresión práxica e societaria concreta. A ese fin reunímonos en estas asembleas anuais e outras máis frecuentes de tipo reducido ou sectorial.

5º- Este ano, en concreto, o tema de reflexión centrámolo como non podía ser de outra maneira, na Crise Económica e Sistémica que arrancou con toda crueza o anteface da “Relixión Capitalista” excluínte que nos envolve e oprime.

6º- Non se tratou en esta reunión de facer un análise exhaustivo da orixe da crise nin das respostas e posibles solucións a ela. Intentouse presentar unhas poucas novidades moi concretas nas que, a nivel persoal, de pequeno grupo, e de accións concertadas, poderíanse expresar na praxe diaria as nosas posicións criticas.

Por iso o tema central foi a opción e implantación do que se dou en chamar o “Decrecemento”, presentado e desenvolvido con profundidade e rigor polo sociólogo Daniel López , e as compañeiras/os expertos/as do Sindicato Labrego Galego (SLG); do Proxecto Amorodo e de AIS O Peto que serviu para examinar o noso compromiso coa sociedade na que vivimos e á que queremos cambiar cara a ser máis critica e responsable, igualitaria e xusta.

O decrecemento lévanos á humanización da economía. A economía debe facerse para servir ás persoas e non para servirse delas; o ser humano non pode ser unha mercadoría, ten que ser suxeito do seu proceso social; quedounos moi claro a todas e todos que cubertas as necesidades básicas é abusivo crear máis e máis necesidades, como tamén que o decrecemento é xa, unha proposta irrenunciable tanto a nivel individual como colectivo.

O SLG está a reclamar a Soberanía Alimentar proposta por Vía Campesiña. Sentimos a necesidade de un cambio de mirada en tódolos eidos; cambio nas regras que rexen o comercio mundial; xustiza comercial, que implica eliminar as subvencións que permiten exportar ós países ricos os produtos por debaixo do seu custe real, danando ós produtos e arruinando ós produtores dos países empobrecidos, ou menos favorecidos, (caso do leite en Galicia).

En Galicia comezan agromar, aínda que con certa cativeza, pero con ilusionada esperanza proxectos de agricultura ecolóxica e sostible, entre outros coñecemos: “O grelo Verde” e “Proxecto Amorodo”, que como xa se dixo, este último acompañounos na Asemblea, asesorounos e axudounos a reflexionar. Tamén nos acompañaron e nos axudaron a reflexionar os compañeiros/as de AIS O Peto; cavilamos xuntos/as en col da “banca solidaria” e ilusionámonos esperanzadamente con ver axiña traballar neste noso pais ao Banco Solidario “Fiare”. Proxectos estes que axudan a humanizar o mercado, vendendo os produtos de temporada, respectando os ciclos da natureza, baseándose na complementariedade e solidariedade e non na competitividade.

O decrecemento pon ao descuberto a ideoloxía política dos países enriquecidos que ocultan unha realidade: “A pobreza non é unha realidade natural”, existen empobrecidos porque hai enriquecidos, pola maneira de usar os bens destinados para todos, porque uns poucos acumulan os bens de todos. Que se poida ser propietario de recursos ilimitados, sen graves reparos legais nin éticos, cando gran parte da poboación mundial carece do necesario para vivir, é un feito que reflexa a dialéctica criminal que rexe o noso mundo.

Descubre unha ideoloxía que permite e xustifica o delito social perpetrado a traveso de mecanismos como os “paraísos fiscais”, para defraudar ás facendas públicas; as baixadas de impostos, aos máis enriquecidos; o recorte dos gastos sociais, a privatización das institucións que deberían ser publicas e dos recursos máis necesarios.

Deste xeito vimos que co decrecemento chegamos a unha sociedade máis xusta, creando unha vida máis digna para todas e todos sen exclusións; obrigados a compartir para que todos teñan as necesidades básicas vitais cubertas.

Por todo isto reivindicamos a defensa do dereito á esperanza e, a defensa do dereito a utopía. Todos somos necesarios para cambiar á sociedade, temos a obriga de actuar na defensa ecolóxica da nosa nai Terra: co aforro da enerxía da auga… , na defensa social do nosos irmás e irmáns: comercio xusto e xustiza social, tendo en conta as relacións de xénero. Por todo isto entendemos que outro mundo é posible “ Vivir con menos para vivir mellor”.

O remate da Asemblea todos estes proxectos, esperanzas e utopías compartímolos na Eucaristía.

Compostela, abril de 09.

Coordinadora de Crentes Galegos/as