IV Domingo de Coresma

"Enviou ao seu Fillo para dar luz ao mundo"

Lectura do Libro segundo das Crónicas 36, 14-16. 19-23

Naqueles días, as autoridades de Xudá, os sacerdotes e o pobo obraron inicuamente, imitando as abominacións dos pagáns e profanando o templo que o Señor consagrara en Xerusalén.

O Señor, Deus de seus pais, mandáballes continuamente mensaxeiros, porque sentía lástima do seu pobo e da súa morada; pero eles burlábanse dos mensaxeiros de Deus, ríanse das súas palabras e mofábanse dos profetas, ata que a ira do Señor se acendeu sen remedio contra o seu pobo.

Os caldeos conquistaron Xerusalén, incendiaron o templo, derrubaron a muralla, prenderon lume a tódolos seus palacios e esnaquizaron tódolos obxectos de valor. Levaron consigo desterrados a Babilonia os superviventes da matanza e foron escravos seus e dos seus descendentes ata o triunfo do reino persa.

Cumpriuse así o que anunciou o Señor a Xeremías, e a terra gozou do seu descanso sabático todo o tempo que estivo desolada, ata cumprirse setenta anos.

O ano primeiro de Ciro, rei de Persia, o Señor, para cumpri-lo que anunciara por medio de Xeremías, moveu a Ciro, rei de Persia, a promulgar de palabra e por escrito en todo o seu reino: -"Ciro, rei de Persia, decreta: O Señor, Deus do ceo, entregoume tódolos reinos da terra e encargoume construír un templo en Xerusalén de Xudá. Tódolos dese pobo que viven entre nós poden volver. E que o Señor, seu Deus, estea con eles".

Lectura da Carta do Apóstolo San Paulo ós Efesios 2, 4-10

Irmáns: Deus, que é farturento en misericordia, polo grande amor que nos amosou cando estabamos nós mortos polos nosos pecados, fíxonos revivir con Cristo (salváronvos por pura benquerencia) e resucitounos con El e con El fíxonos sentar no ceo en Cristo Xesús, para mostrarlles ós séculos vindeiros a rebordante riqueza da súa gracia, manifesta na bondade que tivo connosco en Cristo Xesús.

Porque vos salvaron por gracia, mediante a fe; e isto non vén de vós: é don de Deus; e non vén das obras, para que ninguén se poida gabar.

Somos, logo, feitura del, creados en Cristo Xesús para facer obras boas nas que Deus dispuxo de antemán que camiñemos.

Lectura do Santo Evanxeo segundo Xoán 3, 14-21

Naquel tempo, díxolle Xesús a Nicodemo:

– Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna.
Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.

Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ó mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns.

Pois todo o que fai o mal odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras.

Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras pois están feitas como Deus quere.