"Que fas aí sentado co teu talento?
LECTURA DO LIBRO DOS PROVERBIOS 31, 10-13. 19-20. 30-31
Unha muller forte ¿quen a atopará?: o seu valer supera o das perlas. O seu marido pon nela a confianza e non lle han faltar ganancias; procúralle felicidade, e non desgracia, tódolos días da súa vida. Consegue lá e liño, e traballa gustosa coas súas mans; Bota as máns á roca e os seus dedos manexan o fuso. Tende a palma ó indixente e achega as súas máns ó mendigo. A gracia engana e a fermosura esvaece: só a muller que teme o Señor merece ser loada.
¡Que falen por ela as obras das súas mans, e os seus feitos lle dean honra na praza!
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO ÓS TESALONICENSES 5, 1-6
Irmáns: Tocante ó tempo preciso, irmáns, tampouco precisades que vos escriba, que vós mesmos sabedes á perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite. Cando anden dicindo: "paz e seguridade", daquela caerá de súpeto sobre eles a desfeita, do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non han de escapar. Pero vós, irmáns, non estades nas tebras, para que ese día vos sorprenda coma o ladrón, xa que todos vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos da noite nin das tebras. Polo tanto, non adormezamos coma os outros; máis ben, esteamos vixiantes e manteñámo-lo propio control.
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO 25, 14-30
Naquel tempo, díxolles Xesús ós seus discípulos esta parábola: Un home que ía saír de viaxe, chamou polos seus criados e entregoulle-los seus bens. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un; a cadaquén segundo a súa capacidade. Despois marchou. De seguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco; do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous. Pero o que recibira un, foi cavar un burato na terra e escondeu o diñeiro do seu amo. Ó cabo de moito tempo chegou o amo daqueles criados, pedíndolles contas.
Achegouse o que recibira cinco talentos e presentou outros cinco, dicindo: "Señor, cinco talentos me entregaches; velaquí outros cinco que gañei". Díxolle o seu amo: "Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo". Achegouse o que recibira dous talentos, e dixo: "Señor, dous talentos me entregaches; velaquí outros dous que gañei". Díxolle o seu amo: "Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo". Achegouse tamén o que recibira un talento, e dixo: "Señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botaches. Como collín medo, fun agachar na terra o teu talento; aquí te-lo que é teu". Pero o seu amo respondeulle: "¡Criado ruín e lacazán! ¿Con que sabías que seituro onde non sementei e recollo onde non botei?
Pois deberías te-lo meu diñeiro posto no banco, de modo que, ó volver eu, puidese recolle-lo que é meu, cos intereses. Así que quitádelle o talento e dádello ó que ten dez: Porque ó que ten, háselle dar e abondo; pero ó que non ten, aíndo o que ten se lle ha quitar. E ó criado inútil botádeo fóra á escuridade; alí haberá pranto e renxer de dentes".