Crónica Semana Santa 2014

Un ano máis a nosa comunidade celebrou a Semana Santa. É este un dos momentos do ano que coidamos con esmero para «cargar pilas» para o resto do ano.

Comezamos o luns 7 de abril cunha reunión da comunidade para elixir o lema e facer os grupos que se encargarían de preparar as distintas celebracións. Co eco da aínda recente Asemblea de Redes Cristiás escollemos o lema de REBELIÓN DENDE A ESPERANZA.

E comezamos o DOMINGO DE RAMOS cunha celebración preparada por catequistas, nenos e mozos das distintas etapas. Con palmas, ramos e pancartas demos unha «Hosanna» ao “amigo Xesús” que estamos a aprender a seguir nesta sociedade necesitada de valores.

O XOVES SANTO, nunha asemblea colocada máis circularmente, celebramos a cea de Xesús. Insistimos en catro piares da vida cristiá dispostos en forma de retablo xunto á mesa: Eucaristía-Fraternidade-Comunidade-Servizo. Tamén foron proxectados en forma de corazón en torno ao Cristo que preside a nosa Igrexa. Ao final escoitamos unha canción de Mercedes Sosa – «Corazón Libre » – e deixamos o pan de Xesús nunha capela especialmente adornada para ese dia cos distintos símbolos da cea de Xesús.

O VENRES SANTO fixemos un Via Crucis a media mañá tratando de percorrer con Xesús, cos condenados de hoxe e cos que se solidarizan con eles as distintas etapas do camiño do Calvario. Tamén tratamos de descubrir signos de esperanza dun mundo novo nas cruces de hoxe. Pola tarde celebramos a Paixón e Morte de Xesús. Unha cruz cun campesiño crucificado, símbolo dos Comités Oscar Romeiro, presidiu a nosa celebración facendo presente xunto a Xesús a tantos crucificados na vida. Fixemos memoria na Lectura da Paixón segundo San Juan dun Jesús Rebelado: contra a violencia, contra o medo, contra a «relixión», contra o poder, contra o patriarcado, xunto ás vítimas. Tratamos de unirnos a este Xesús que asumía a súa rebelión con valentía e enteireza co acto da comuñón e lendo unha oración que nos recordaba que non estamos ameazados de morte senón de vida.

E finalizamos a nosa Semana Santa coa VIXILIA PASCUAL na que fomos descubrindo a luz de Xesús Resucitado nas luces que foron aparecendo no mundo ao longo da historia descubrindo nela dende a Palabra unha Historia de Liberación. Insistimos en descubrir as luces na historia do noso barrio e da nosa comunidade. E celebramos de verdade a presenza de Jesús Resucitado no pan compartido. Non faltou o «canto do barrio» que sempre cantamos nos momentos importantes da comunidade. E tampouco faltou compartir en torno ao «roscón de pascua» un momentiño de convivencia como complemento da celebración.

FELIZ PASCUA DE RESURRECCIÓN REBELÁNDONOS DENDE A ESPERANZA!