O xornal praza.com fai unha entrevista a José Mª Barca no que fala da asemblea que Redes Cristiás celebrou en Santiago de Compostela esta pasada fin de semana.
Redes Cristiás é unha plataforma que agrupa a máis de 200 colectivos católicos de todo o Estado. Coa «inspiración» do Concilio Vaticano II, esta rede está presente en Galicia a través de grupos como a Coordinadora de Crentes Galegos, Comunidades Cristiás Populares ou a corrente Somos Igrexa. A pasada fin de semana Redes Cristiás celebrou en Compostela a súa sexta asemblea baixo o lema Cambiando realidades, provocando rebeldías con Xesús de Nazaret. A plataforma enmarcou a súa reflexión nuns «tempos de rebeldía indignada» e incluíu entre os seus actos unha manifestación contra os desafiuzamentos e os recortes. Jose María Barca, membro da coordinadora de Redes Cristianas e un dos representantes deste movemento en territorio galego, ve con certa «esperanza» o período que abre o papado de Francisco, insiste na necesidade de que a Igrexa católica se desprenda dos seus «privilexios» e avoga por que se centre na atención ás persoas máis necesitadas.
Unha asemblea cristiá que comeza a súa reflexión cunha crítica ás “políticas neoliberais”. Para persoas non iniciadas é, cando menos, rechamante…
Algo debemos de estar facendo moi mal para que chame tanto a atención [ri]. A moita xente lle chama atención o lema da asemblea, que falemos de rebeldía, que critiquemos… Para nós cae de caixón, xa non só dende a reflexión teórica, senón tamén dende a práctica diaria, é a nosa vivencia diaria. A maior parte das persoas de Redes Cristiás militamos en plataformas, en colectivos, en causas como as que aparecen aí reflectidas. Nós entendemos que o Evanxeo é a rebeldía e Xesús tamén foi un rebelde. Non morreu de vello, matárono por enfrontarse aos poderes políticos e relixiosos do seu tempo.
Non é menos rechamante a liña gráfica da asemblea: San Xosé e María portando o lema Stop Desafiuzamentos
A idea era actualizar un pouco a mensaxe de Xesús ao día de hoxe. Ese é un exemplo, pero poderían ser outro. Se hoxe vivise Xesús estaría militando nesta causa.
Como é posible conciliar “rebeldía” con catolicismo ou cristianismo?
É verdade que moitas veces asociamos a imaxe do cristianismo e da Igrexa coa imaxe da xerarquía, con posturas inmobilistas. Nos manifestos da asemblea e no noso traballo diario dicímoslle á xerarquía que hai temas moitos máis importantes que os que ás veces se abordan. Botamos en falta unha maior denuncia pero, alén da igrexa institucional e da xerarquía, na base hai moitos colectivos que formamos parte da Igrexa, moitos en Redes Cristiás e outros non, que traballan nestas causas de maneira natural e impulsados.
A Conferencia Episcopal semella máis rebelde coa ampliación de dereitos, caso por exemplo do matrimonio entre persoas do mesmo sexo ou a interrupción voluntaria do embarazo…
Sen entrar a fondo en temas que dan moito que falar, vemos que hai unha obsesión con temas que son importantes pero non os únicos. Alén do matrimonio homosexual, para nós os problemas da familia son a vivenda, o desemprego, os recortes…
Que cambios cabe agardar do actual papa Francisco? Semella que o ollan cunha certa esperanza ou, cando menos, con certas expectativas…
Vimos de dous papados moi duros para os crentes de base e é verdade que hai outro ambiente, polo menos o talante e os temas novos que saen son outros, como as preocupacións sociais. Nese sentido Redes Cristiás e os colectiovs que as forman nos setimos máis cómodos con este novo enfoque. Os cambios están por verse. Estamos ilusionados e expectantes, son necesarios cambios tanto no labor da Igrexa cara a fóra, cara a onde oriente a súa acción, como da Igrexa cara a adentro cunha maior democratización, con máis igualdade na presenza da muller… Estamos máis cómodos e esperanzados, pero haberá que darlle tempo para ver o que é quen de facer, o que lle deixan facer e o que quere facer.
Habería que comezar por volver ao Concilio Vaticano II?
Esa reflexión tamén estivo presente na nosa asemblea. Estamos case no 50º aniverario do Concilio e a realidade da Igrexa e da sociedade non é a mesma. A maior parte dos colectivos que nos xuntamos en Redes Cristiás son fillos do Concilio Vaticano II, naceron dese ambiente e desa espereanza. Nos últimos anos houbo un gran involucionismo e un primeiro paso sería conseguir que aquilo que xa estaba acordado, sexa vivido así e actualizado. Xa nos gustaría que na Igrexa, tanto a nivel de implicación social como de vivencia interna chegásemos aos niveis do Concilio.
E habería que seguir por revisar os acordos entre a Igrexa e o Estado, que ultimamente retornan á actualidade?
Dende o noso punto de vista, por suposto. Redes Cristiás leva anos denunciando que eses acordos non teñen moito sentido. Máis que revisalos, queremos anulalos. Unha das liñas de traballo de Redes dende a súa aparición é que entendemos que vivimos nun Estado laico, cando menos en teoría, pero que a Igrexa conserva moitos privilexios que non queremos como crentes e membros dela.
A Conferencia Episcopal non contempla a anulación e, de cara a unha eventual revisión, amosa liñas vermellas moi claras, como as referidas á presenza da relixión na escola pública. Como o ven dende Redes Cristiás?
É un tema conflitivo e hai distintas sensibilidades, tamén dentro de Redes Cristiás. Pero en todas as nosas posicións públicas estamos a favor de que o ensino da relixión católica non estea presente no ensino público. Nin o ensino da relixión, nin o recadro da declaración da Renda nin ningún deses privilexios, nin para a Igrexa católica nin para ningunha outra.
—