Crónica da IV Asemblea de Redes Cristiás

Un grupo importante da nosa comunidade participou en Santiago de Compostela na IV Asemblea de Redes Cristiás do Estado Español. Ás 2 da tarde do día 6 partiamos para Compostela co obxecto de tomar posesión do noso aloxamento (Albergue “La Salle”) e participar na acollida aos peregrinos chegados de distintos lugares: Andalucía, Canarias, Estremadura, Cataluña, Asturias, Madrid, País Vasco, Murcia, Zaragoza, Pamplona e por suposto Galicia… A Asemblea celebrábase nun lugar próximo ao albergue, a Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte.

Comezou a Asemblea cunha presentación das distintas comunidades participantes. Cada unha presentábase cunha frase e un signo. A Coordinadora de Crentes Galegos fixémolo cun rotundo «NUNCA MAIS! «. Despois cun mimo escenificouse o obxectivo da Asemblea: «cambiando realidades e provocando rebeldías con Xesús de Nazaret». Un muro elevado, que representaba ao mundo neoliberal, foi derrubado pedra a pedra como símbolo da loita dos grupos de resistencia, crentes e non crentes, que militan nos nosos ámbitos. Despois gozamos dalgúns textos musicalizados de Celso Emilio Ferreiro que nos animaron a loitar pola utopía. Finalmente Tareixa Ledo Regal e representantes de distintas comunidades autónomas deron a benvida aos asistentes cun emotivo canto á vida que estaba no fondo de todas as asistentas á asemblea («Todas» porque decidimos falar en feminino rompendo a dominación imperante na igrexa e na sociedade).

E comezaron os talleres despois dun anaco de descanso e de “adro”: «chamamento ao pobo cristián», «stop desafiuzamentos», «teoloxía actualizada nas nosas comunidades», a crise e o silencio das igrexas, «espiritualidade conectada ao corpo» e «defensa do público». Os asistentes repartímonos proporcionalmente neles. Despois de cear en La Salle gozamos dunha magnífica «queimada» dirixida magnificamente por Luis. A través dela invocamos todas as forzas do ben para que estivesen connosco nesta loita por desfacer todos os males que nos rodean.

Un día mais, 7 de decembro. Comezan os talleres. Tamén nos repartimos proporcionalmente. A nosa comunidade presenta un taller: «comunidades de base, provocando rebeldías dende Xesús de Nazaret». Houbo interrogantes dos participantes: “coa que está a caer na Igrexa e na sociedade, puidestes facer e seguir facendo «todo iso»? Pois se, «outra igrexa vai sendo posible»… Outros talleres: «banca ética», «transformar a expresión simbólica de Deus», «xerar espazos de resistencia laica», «rexenerar a política»… E despois manifestación ata a Praza do Toural con pancartas e paraugas provocando rebeldías dende Xesús de Nazaret. Un manifesto final e o canto de Labordeta (“Haberá un día en que todos…”) pecharon esta mañá na Praza do Toural.

Comida en La salle e Asemblea de Redes onde se manifestaron as actividades do colectivo e as propostas para os anos vindeiros. A próxima Asemblea será en Madrid por estas mesmas datas en 2015. E despois celebración preparada pola Comunidade do Cristo da Victoria de Vigo. Na celebración, a repartición dunha estola branca coa inscrición «provocando rebeldías» converteu o salón de actos nunha marea branca de compromisos con Xesús de Nazaret que querían beber da súa mesma forza e espírito. O sacerdocio de Xesús e o noso non era algo ritual senón a entrega das nosas vidas pola promoción dos dereitos humanos. A lectura ao finalizar dun manifesto pechou a Asemblea que nos deixou a todos un bo sabor de boca para marchar de volta do Camiño de Santiago ás nosas comunidades. Tamén houbo palabras de agradecemento para os organizadores e en especial para Josechu, entusiasta animador en la promoción e consecución desta Asemblea.