Aguiño está xa a preparar a XXXII Romaxe de Crentes Galegos, a do reencontro de tantas amigas e amigos, a da simbioses entre o mar e o agro, a da galeguidade e defensa do idioma como eixo fundamental da nosa existencia e a identidade do País, a dos 50 anos de Aguiño, a da gratitude a Paco, a Agustín Bueno, a Manuel María que nos miran dende o alén e sóprannos consellos á orella a través dos ventos e as mareas, pero tamén o agradecemento, o recoñecemento, a amizade e o agasallo a quen tanto nos deu e fixo por Irimia, por Aguiño, pola Romaxe, por Deus e por Galiza, a Pepe Chao, Espiña, Dourado, Tori, Miguelez, López Muñoz, García Cendán, Carballo, Mini e Mero, Xabi Blanco, Pilar Wirt, Sarai, Tareixa Ledo, Engracia Vidal, Celia Castro, Paz Quiñones e milleiros de irimegas e irimegos…, pero sen dúbida, e permitídenos facelo así, a do recoñecemento a Queiruga, aguiñés universal, verdadeiro cristián e galeguista ó que unha vez máis os fariseos do noso tempo queren crucificar!
A Romaxe será o 12 de setembro en Aguiño, cunhas fermosas vistas á Ría de Arousa, a Sálvora e ás pedras vivas de Couso, batidos polo mar celebraremos un novo encontro que por terceira vez será no noso pobo, igual que no 79 e no 95; estamos a traballar para elo, amañando todo para darvos a benvida máis hospitalaria, Aguiño está dende sempre nos vosos corazóns e unha vez máis vós estaredes en Aguiño. Non faledes a esta cita, proclamade a nova, berrade a festa, queremos ver Aguiño inundado de irimegos/as, temos que superar os seis mil da última Romaxe, aquí agardamos esperanzados e ilusionados a vosa presenza para asolagarvos con UN MAR DE GRAZAS!
Unai González Suárez. Presidente da ACRV Francisco Lorenzo Mariño, Aguiño.