A Rede Social Galicia Sur valora positivamente a apertura do albergue provisional que vai dar maior cobertura ás necesidades das persoas ser fogar en Vigo pero non deixa de reclamar un proxecto sólido e permanente de Centro de Inclusión Social.
Perante a última xuntanza mantida con Alcaldía o pasado mércores 9 de Marzo con motivo do anuncio da apertura no edificio da antiga Escola de Hostelería dun albergue provisional, ven a declarar que se posiciona a favor de calquera servizo público de carácter social que veña a conformar a rede de recursos da nosa cidade. A Rede entende que o albergue provisional (que tal e como recolle a lei é un aloxamento de carácter temporal para persoas transeúntes e persoas que están sen fogar) é un servizo necesario en Vigo que viría a completar a oferta destes servizos existentes na cidade de iniciativa privada e apoio público.
Non obstante non deixa de ser este un proxecto temporal polo que, máis alá de intereses partidarios ou electorais de ningún signo, a Rede entende que este recurso, sen dúbida necesario, non dá completa resposta á reivindicación que se mantén dende hai anos sobre a necesidade dun Centro público de Inclusión Social, entendido como un servizo que de xeito polivalente ofreza máis alá da pernocta puntual e da cobertura das necesidades máis básicas, tamén os coidados esenciais de carácter sociosanitario e o axeitado apoio profesional que posibilite o inicio e consolidación de procesos de recuperación e axuste persoal e, con iso, a saída do círculo da pobreza e exclusión social e a incorporación social e laboral. Polo tanto, a Rede segue a reclamar a busca dun proxecto definitivo de Centro público de Inclusión Social que dea maior e máis axeitada cobertura ás necesidades da población sen fogar de Vigo.