Este venres 22 de maio ás 20.00 no salón de actos Manuel Regal epresenta o seu libro "Xesús, aquel home de aldea", actividade que se enmarca dentro da semana das Letras Galegas.
Manuel Regal Ledo iniciou a súa formación coma persoa e coma crente cristián na vila de Chantada, onde naceu no ano 1947, e na parroquia de Pesqueiras (Chantada), onde recibiu o sacramento da ruralidade; despois, no mosteiro de Samos (Lugo), onde estivo de monxe algúns anos, aprendeu algo o oficio de buscador e escoitador agradecido da voz de Deus; máis tarde na Universidade de Deusto (Bilbao) fixo estudos de teoloxía bíblica. Despois viñeron unha boa presa de anos de traballo pastoral en varias parroquias do concello de Abadín (Lugo), soñando moitas veces co soñó de Xesús de Nazaré no medio do pobo, aínda que logo as realizacións fosen ben humildes e limitadas.
Desde o ano 1993 traballa como educador-terapeuta no programa de rehabilitación de drogodependentes "Proxecto Home" de Galicia. Iso non quita que siga vinculado ao mundo da aldea, onde vive; desde hai preto de 30 anos vén sendo animador do Movemento Rural Cristián de Galicia, no que forma parte do equipo de formación. Así ano tras ano, grazas ao empuxe e ao espirito que recibe no gozo e na loita da vida rural de cada día, grazas ao empuxe e ao espirito dos grupos dos que forma parte, grazas ao Espirito da aldea, no que humildemente cre, foi editando en forma de libros diferentes materiais, a maioría deles coa finalidade de axudar a vivir con alegría e con forza a experiencia cristiá no mundo da aldea ou onde sexa. Xuntar vida e fe foi sempre un dos seus obxectivos principais. Poder ser lido e entendido polos máis humildes foi sempre o seu maior orgullo. Nesta liña se sitúa tamén a presente obra, centrada na persoa de Xesús de Nazaré, aquel home de aldea, sementador de soños entre a xente que máis precisa deles para soñar cun futuro mellor.