No calendario parroquial das datas sinaladas neste mes de setembro, hai unha cita inexcusable dende hai trinta e tres anos a: Romaxe de Crentes Galegos, que onte celebramos na área fluvial da Peneda, en Monterroso, un espazo onde máis de 2.000 persoas festexamos o compromiso coa mensaxe de Xesús e coa causa galega.
O tempo acompañounos oas romeus que nos desprazamos moi cediño ata terras monterrosinas, xa que nin se respiraba o calor abafante que adoita ser habitual no interior galego, nin había necesidade de temer ante o ataque dun catarro estival, consecuencia dunha friaxe. Os bidueiros ofrecían boa sombra, e o río dáballe un certo toque bucólico ao escenario no que se desenvolvía o evento. Grazas á previsión do concello, uns centos de cadeiras estaban xa preparadas diante do palco onde se desenvolveu a liturxia. E, aínda que poucas se vían baleiras, o certo é que a meirande parte dos que alí estaban optaron polo vello método de saba no chan.
Á chegada fomos obsequiados con pan e queixo do país. A liturxia deu comezo ás 12.30 da mañá. Foi conducida por dous mociños, encarnación dos «vellos irimegos” (en lembranza do lugar onde se celebrou a I Romaxe de Crentes Galegos) devanceiros dos alí presentes. A introdución non albergaba dúbidas acerca do que alí íase vivir: «Trinta e dous anos despois de renacermos galegos no pedregal de Irimia, velaquí estamos aínda, velaquí estamos de novo!». O balbordo das conversacións e gargalladas ía acalando, ao tempo que todas as cabezas xiraban de cara ao palco, dende onde as voces de Xavi e Rubén proclamaban a lista de localidades alí presentes: Moaña, Santia go de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Becerreá, Narón, Cristo da Victoria de Vigo, A Coruña, Xinzo de Limia… e mesmo Bilbao.
Houbo momentos de reflexión acerca do lema da Romaxe (“Se ti viras o que eu vin”), dos problemas de Galicia, coma o estado da lingua galega ou o desenvolvemento económico do país, mesturados coas intervencións do grupo «A Quenlla», quen lle puña música a composicións poéticas de Manuel María ou Xoán Manuel Pintos, entre outros. Ademais, o desfile de persoaxes representativos da cultura galega polo palco foi unha constante en toda a celebración: dous peregrinos; un poeta; un frade; e unha moza que personificaba á Meiga, o alcume polo que coñecemos a Galicia, a terra nai.
Foron correntes as alusións dos alí presentes a ela, con frases coma «estaremos sempre con Meiga, iso é o que todos nós desexamos». Este amor á patria chegou ao punto máximo no intre no que a nena-personificación de Meiga pon a bandeira azul e branca, e dá comezo o rezo do Credo Galego, un dos momentos máis emocionantes dos que alí se viviron. Non en van, algunha que outra bágoa asomou ós ollos dos alí presentes, mentres entoaban unha estrofa dese Credo que dicía : «Creo no Cristo que vive/naquel que deixa suores/na oficina, nos talleres/nas redes e nos tractores». Sinal de que a Igrexa de base galega se atopa en boa forma. E que na reflexión nas ruindades dos presente evitamos caer na desesperanza recurrindo á “palabra profética” do Vello e Novo Testamento cristián que nos invitaban a renacer aá esperanza a a loita.
Finalizou a celebración ca bendición sobre o pan galego que despois de compartilo nos axudaría á camiñar como ao vello Elías ao Horeb o como os discípulos de Emaús a Xerusalén. Non faltou o rezo do Noso Pai, do Magnificat Galego e do Himno Galego. E como non! : “o berro seco” e o paso do testigo ós organizadores da XXXIV Romaxe no Monte Xiabre de Vilagarcía.
Xantar, festa rachada ca actuación de “A Quenlla” e grupos folclóricos locais, e oración na Parroquia de Monterroso completaron esta XXXIII preciosa Romaxe de Crentes Galegos.
+info: Galicia Hoxe, Religión Digital e El Mundo.