Encontro de reflexión 11 de novembro de 2023
Tras a lectura da acta anterior e a presentación do texto que serviría como guión, dialogamos seguindo o esquema establecido en catro puntos: o tema da identidade, da comunidade grande e pequena, do liderado e dos obxectivos principal (espallar o Evanxeo) e concretos ou parciais.
En primeiro lugar, tras o reflexionado sobre a estrutura comunitaria nestes catro encontros, insistimos nalgunhas necesidades, como a de superar conflitos e recuperar a fraternidade; a de potenciar o encontro e a gran comunidade; ou a de lembrar que todas somos importantes e temos algo que aportar…. Finalmente concluímos que a proposta deste espazo neste ámbito combina catro propostas concretas que se complementan:
– Manter a estrutura de pequenas comunidades.
– Propiciar da maneira máis axeitada posible a colaboración permanente das comunidades con menos xente ou máis dificultades, de xeito que poidan sentirse acompañadas, animarse mutuamente e dar resposta ás demandas que a gran comunidade decida como prioritarias.
– Aproveitar todos os espazos que xa existen para fortalecer o sentimento de pertenza á gran comunidade (preparación de festas, limpezas, celebracións…).
– Establecer un encontro mensual de todas as persoas da gran comunidade cun contido variable segundo as circunstancias (espazo de encontro para potenciar as relacións persoais, reflexión sobre un tema, preparación de celebración especial, organización dalgunha actividade común…). Debe ser un espazo novo que anime e que contribúa a alixeirar o peso do que temos que facer. Haberá que establecer cal é o mellor día para estas xuntanzas para garantir a maior participación posible. Ademais esa semana o encontro prioritario será o da gran comunidade, sendo decisión de cada pequena comunidade se apraza ou mantén a súa xuntanza semanal.
Por outra banda, como os temas que nos preocupan están todos relacionados, ao longo da xuntanza falamos doutros aspectos non directamente relacionados coa estrutura comunitaria, senón co celebrativo, coa acción social, coa educación na fe… Aínda que serán obxecto de reflexión nas vindeiras xuntanzas, resumimos aquí as principais ideas:
Sempre fomos unha comunidade cristiá cun modelo comunitario e celebrativo singular, orientado ao compromiso social. A nosa sensibilidade especial ten que ver con que vivimos unha fe encarnada e queremos facer realidade o Reino de Deus aquí e agora. O que se trata é de decidir que modelo alternativo podemos ofrecer hoxe ás persoas que se achegan a nós.
Falamos de que probablemente, por forzas, xa non poderemos liderar, senón sumarnos a compromisos impulsados por outras persoas ou colectivos… Pero tamén se apuntou a posibilidade de impulsar proxectos propios como o relacionado cun local dispoñible que podería usarse para un fin social.
Ademais insistiuse en que a educación na fe tería que ser unha prioridade porque dela depende o noso futuro, e tamén se falou das tardes dos venres como un posible espazo para atoparnos e interactuar coas xentes que se achegan con motivo da educación na fe.
Por último, acordamos que na vindeira xuntanza do 25 de novembro ás 10:30 comezaremos a reflexión sobre as prioridades e propostas concretas no terreo da acción social, deixando para posteriores encontros outros temas importantes como a educación na fe (para o que sería moi importante que acuda a xente actualmente implicada máis directamente) e a celebración.
Enviarase con antelación a acta desta xuntanza e elaborarase un guión que parta do que xa existe na acción social da nosa parroquia para reflexionar a partir de aí.