En Vigo, na Galiza, no estado español, miles de persoas saíron ás rúas o pasado venres 1 de xullo para expresar a súa rotunda condena polas mortes violentas, crueis, inxustificables, de un mínimo de 37 persoas migrantes que trataban de chegar ás nosas fronteiras a través dos valos de Melilla.
Na nosa cidade a concentración tivo lugar na Praza do Emigrante ás 19:30. Asistiron moitas viguesas e vigueses, moita veciñanza comprometida que ofreceu unha imaxe de dignidade ante tanta barbarie, esixindo o cumprimento dos dereitos humanos en toda circunstancia, en todo lugar, por enriba de calquera fronteira artificial.
Predominaban os berros de solidariedade coas vítimas e as súas familias e a rabia contida ante a actitude dos nosos gobernantes e o tratamento da «noticia» por parte dos grandes medios de comunicación. O lema que presidiu as manifestacións en todo o estado foi moi claro: «As vidas negras importan».
Queremos, esiximos, outras políticas migratorias, unhas políticas que poñan o dereito a vivir con dignidade por enriba de todo, unhas políticas que acollan a todas as persoas e comunidades que sofren persecución, violencia, empobrecemento ou discriminación, unhas políticas, en definitiva, que non perdan a súa humanidade, como está a pasar hoxe coas «necropolíticas migratorias» que estamos a vivir acotío.
Máis información neste enlace: https://www.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/3812562/