A plataforma Redes Cristianas, integrada por máis de 200 grupos, comunidades e movementos católicos de base do Estado español, entre os que se inclúen comunidades como a do Cristo da Vitoria, vén de presentar a súa aportación ao «Sínodo da Sinodialidade», baixo o título: «Por unha Igrexa posible e necesaria en España».
No documento, artellado a partir do clásico modelo tripartito do «ver», «xulgar» e «actuar», ofrécense unha serie de reflexións críticas e propostas transformadoras para construír esa outra Igrexa posible pola que cada vez pulan máis persoas e colectivos.
No «Ver» denúncianse as dinámicas involucionistas, a crecente xerarquización, as obsesións cos ritos e as liturxias ríxidas e dogmáticas, o inmobilismo doctrinal e moral, a verticalidade estamental e a exclusión de mulleres, do colectivo LGTBIQ+ e de voces críticas, así como o desapego da xente máis nova. Asimesmo, critican o poder da xerarquía eclesial e os seus privilexios dentro dos poderes estatais, reflectido por exemplo no asunto das inmatriculacións e no control de importantes medios de comunicación vinculados a ideoloxía máis conservadora.
No «Xulgar» apoianse tanto no Concilio Vaticano II como nos documentos do propio papa Francisco para reivindicar o papel das comunidades de base e a necesidade de construír unha igrexa de portas abertas ao mundo que nos rodea.
Por fin, no «Actuar» propoñen atender á Igrexa dende dentro e a Igrexa cara fóra. No primeiro ámbito, destacan a importancia de organizarnos como sociedade de iguais, incorporar as voces críticas e discrepantes e fomentar celebracións vivas e creativas. No segundo, reclaman renunciar a todos os privilexios da institución nas súas relacións co estado, dialogar e camiñar cunha sociedad laica e fortemente secularizada, e tamén en diálogo co pensamento científico-tecnolóxico, devolver todos os bens inmatriculados, comprometerse seriamente a investigar de forma exhaustia todos os casos de pederastia.
Por último, prantéxase que as parroquias se convirtan en espazos autoxestionados que ofrezan tempos para a oración, celebración, formación, reflexión… aos diferentes colectivos cristiáns do barrio e da cidade. E sempre compartindo o compromiso social e político para a transformación da realidade en clave de xustiza e fraternidade.
Deixamos a continuación o documento completo: