Domingo 4º de Coresma: Merecemos ser coidadas, amadas

Domingo 4º de Coresma (27 de marzo): Merecemos ser acollidas, coidadas, amadas.

Merecemos un mundo mellor, un mundo no que todas sexamos de verdade irmáns e irmás, un mundo no que todas nos sintamos amadas, acollidas, coidadas. E ese mundo fraterno so se constrúe dende o aquí e o agora, coa radicalidade de quen bebe nas fontes da xustiza e da paz e nunca se sacia… Sexamos como o pai do fillo pródigo, que ama aos seus fillos por igual, empezando polos últimos, polos oprimidos, polos empobrecidos, polos estranxeiros…

Estaba morto e volve á vida

-Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ó pai: «Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde». El repartiulles os seus bens. Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.

Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade.

Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: «Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo».

Pero o pai díxolles ós seus criados: «Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo«.

Lucas 15, 11-24