ASEMBLEA XUÑO 2019

Un ano máis, ás portas do verán, celebramos a Asemblea Xeral da comunidade na mañá do sábado 8 de xuño. Pasadas as 10:00, despois de lle conceder uns minutos extra aos máis preguiceiros, comezamos escoitando unha bonita historia, completada cun animoso canto que nos puxeron en sintonía perfecta para gozar da xornada.
Repasamos as memorias que ministras e ministros nos presentaron, comentándonos os pasos dados nos últimos meses, os atrancos atopados; todo en sintonía cos plans de traballo que xa nos avanzaran no mes de decembro na Asemblea Extraordinaria. Desde esa non pasaron demasiados meses, pero foron suficientes para decatarnos da necesitade de facer algúns axustes no sistema de limpeza, e para que os educadores na fe nos presentaran a proposta dun novo modelo de traballo que implicará o traslado aos venres de todas as etapas da catequese. Con achegas e afagos a asemblea ratificou todo o presentado.
Trala “revisión ministerial” pasamos a repasar as conclusión da Convivencia de Comunidades. Todas recollidas nun documento cargado de moi boas intencións para a vida comunitaria e para a persoal. Compartimos moitas “pistas” a desenvolver nos próximos meses coa axuda de ministras e ministros. De todo o falado, soamente un punto fixo que nos enredáramos. A pesar de compartir a preocupación polos maiores da comunidade e do barrio, non chegamos a completar unha proposta práctica para todos… queda pendente de repensar despois do descanso estival.
E como entendemos que non todo pode ser “traballar”, despedimos a xornada cun vermut comunitario no que despexar a mente, compartir experiencias e atoparnos con aqueles que menos vemos durante o ano.