O luns 5 de febreiro inauguramos nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria a exposición «O Vigo que [NON] sorrí» do fotógrafo Aarón Diez. Poderá visitarse en horario de tarde até o 25 de febreiro.
“O Vigo que [NON] sorrí amosa a dura realidade de algúns dos nosos veciños e veciñas. As fotografías foron tomadas durante o inverno pasado en diferentes barrios da cidade. Trata de amosar a realidade dun Vigo que non sorrí porque non ten motivos para facelo. O Vigo do non: do non teño casa, non teño traballo, non teño voz, non teño dereitos… O Vigo que non queremos ver ou que só miramos de esguello”.
A iniciativa nace como resposta á exposición patrocinada polo Concello de Vigo, en xullo de 2016, onde amosaban un Vigo sorrinte. “Con este traballo non pretendemos criticar a boa vontade do proxecto, que quería sacar un sorriso á xente, buscamos apelar á empatía e á responsabilidade colectiva ante os dramas sociais que temos na porta de casa, aqueles que as institucións tratan agochar”, opina o fotógrafo, que sinala que “vivimos nunha cidade fermosa pero onde hai demasiadas personas que non poden gozar dela”.