Queremos deixar constancia nesta páxina da nosa dor polos estragos causados polo lume en Galicia e dentro dela na comarca de Vigo. Estragos que se levaron por diante vidas humanas, bosques, aldeas, gando… A nosa repulsa aos causantes dos incendios. A nosa crítica á mala xestión do medio ambente por parte da Xunta de Galicia. E a nosa felicitación aos miles de voluntarios que colaboraron na extinción do lume xunto con bombeiros e brigadistas.
Deixámosvos esta poesía escrita co corazón pola nosa amiga Toñi Lorenzo:
ARDE GALICIA
¡ Pobre Galicia !
¡ Pobre miña terra!
Arde por tódolos lados
teño moita pena dela.
¿Quen serán os asasinos
que matan a miña terra?
¿ Onde están eses covardes
que se esconden tras ardela?
¿Onde están eses mafiosos?
¡Miña Galicia afogada!
Verdugos da nosa terra
convertédela en borralla.
Teño o corazón queimado
só vexo desolación
¡Miña Galicia da alma!
¿Quen quere a túa destrución?
¿Onde están os paxariños?
¿Onde as árbores e a vida?
¿Quen nos acaba cos montes?
¿Quen nos desgarra a ferida?
¿Quen nos arrinca as entrañas?
¿Quen nos estraga a paisaxe?
A nosa terra está triste
e teima por esta ultraxe.
As árbores verten sangue
e braman de tanta dor
pregan cos brazos abertos
que remate este terror.
Pero, sacaremos forzas
ninguén nos arredará
esta Galicia fermosa
foi verde e sempre o será.
Rexurdiremos das cinzas
somos xente loitadora
imos levantar Galicia
todas xuntas, desde agora