A Marcha Mundial das Mulleres organiza o mércores 13 unha charla ao redor dos textos: “Renda Básica das iguais e feminismos” e “Guía Axudas Sociais”. Será a partires das 19:30 na Casa das Mulleres e contará coa presenza de persoas da ODS-Coia.
Unha das consecuencias históricas do patriarcado, consistiu en someter á muller e relegala ao ámbito doméstico coma nai e esposa, adicada aos coidados, sen recursos económicos propios e por tanto, dependente economicamente do home.
Para reverter esta situación e facer que a muller sexa libre e dona do seu destino,o movemento feminista ven reivindicando e traballando dende o seu nacemento, para empoderar ás mulleres na loita pola independencia económica e a igualdade.
Pola súa parte a Renda Básica das iguais, entendida como o dereito de toda persoa a percibir do Estado unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades vitais, postúlase como un dos mecanismos para acadar a tan desexada independencia económica así como a igualdade efectiva entre mulleres e homes.
A Coordenadora Local de Vigo da Marcha Mundial das Mulleres que dentro dos seus catro campos de acción traballa dende a súa orixe pola Autonomía Económica das Mulleres, expresada non só na capacidade financeira (ser provedoras do seu propio sustento e das persoas que dependen dela), senón tamén no acceso a dereitos en materia de servizos públicos e outros esenciais, como a saúde e a vida digna; xunto coa Oficina de Dereitos Sociais de Coia que nace como punto de información, con espírito de loita colectiva, para ser unha ferramenta de apoio e denuncia social en materia de dereitos e deberes das persoas, transformadora da contorna máis próxima e do mundo para convertelo en máis xusto, igualitario, e digno; organizan conxuntamente unha charla para dar a coñecer o libro «Renda Básica das iguais e feminismos. Da centralidade do emprego á centralidade da vida» e debater ao seu remate, sobre a sinerxia entre a loita feminista e Renda Básica das iguais, facéndose alusión tamén a “Guía de Axudas Sociais” (elaborada por este colectivo).
Dita charla terá lugar o vindeiro mércores 13 de xaneiro do presente ano 2016, ás 19:30 horas na Casa das Mulleres, na Rúa Romil 20, de Vigo.
Agardámovos a tod@s!