Dende a nosa comunidade parroquial sempre temos apostado polas festas tradicionais para facer barrio, para humanizar as nosas vidas celebrando o encontro coas demais. Pois ben, nesta liña, o vindeiro sábado día 15 de novembro celebramos o tradicional magosto da veciñanza nos baixos do complexo parroquial.
O programa previsto é o seguinte: dende ás 17:30 compartiremos castañas e viño novo entre todos os veciños e veciñas que se acheguen a participar. A esa mesma hora contaremos coa actuación do grupo de pandereteiras Lumieiras e o grupo de gaitas de Rueiro, e ás 18:30 poderemos desfrutar da actuación da charanga «Traspés».
Ademais, ao longo da tarde haberá unha mesa de troco para que veciñas e veciños intercambien trebellos, xoguetes, libros, todo tipo de cousas en bo estado que poidan ser útiles a outras persoas, practicando así unha economía alternativa e solidaria, baseada no intercambio e no ben común.
Cómpre agradecer moi especialmente a organización desta festa popular ao Movemento Veciñal «O noso barrio», á Asociación de Mulleres «Dorna» e ao Centro Cultural «Rueiro». Sen eles e elas, nada disto sería posible.

