DOMINGO V DE CORESMA (22 de marzo)
¿Comparto o don da vida?
Nos primeiros domingos deste tempo de Coresma cuestionámonos que daba valor á nosa vida e onde poñíamos a nosa felicidade; despois nos preguntamos como atopar as fontes onde saciar a nosa sede e con que ollos debíamos mirar a realidade. Quédanos unha pregunta, que dalgunha maneira serve para dar resposta a todas as demais: ¿Cremos na palabra, na vida de Xesús de Nazaret? ¿Escoitamos a súa chamada? ¿Compartimos o don da vida?
Naquel tempo, as irmás de Lázaro mandaron a dicirlle a Xesús:
– Señor, mira, o que amas está enfermo.
Ó oílo, dixo Xesús:
– Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.
Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Anque oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles ós discípulos:
– ¡Vaiamos outra vez a Xudea!
Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ó encontro. María, en cambio, quedou na casa.
Díxolle entón Marta a Xesús:
– Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
Xesús díxolle:
– Teu irmán resucitará.
Marta respondeulle:
– Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
Díxolle Xesús:
– Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, anque morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. ¿Cres ti isto?
Ela respondeu:
– Si, Señor: eu creo que ti e-lo Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo.
Xn 3-7. 17. 20-27. 33b-45

