O pasado xoves 6 de xuño, como cada primeiro xoves de mes, a Rede Social Galicia Sur convocaba un novo círculo de silencio. Desta vez, quixemos denunciar o consumismo desbocado que nos consume e asfixia, que empobrece a moitas comunidades e que xera enormes desigualdades no planeta, ademais de provocar danos cada vez máis irreversibles ao noso medioambiente. Queremos reivindicar outros modelos económicos, máis xustos e solidarios, que poñan a vida no centro e que coiden da Terra e das persoas.
¿Que son os círculos de silencio?
Os círculos de silencio nacen en Francia no 2007 e actualmente convócanse nese país en máis de 180 cidades cada mes. Esta iniciativa tense estendido por Europa e por varias cidades españolas.
Os círculos aspiran a expresar a súa protesta dende unha cultura da non violencia, a través dunha acción sinxela e asumible por todo o mundo.
Queren ser un xesto pacífico permanente de denuncia.
O silencio como forma de diálogo, que apela á conciencia de quen fai as leis, de quen as aplican e da cidadanía que as asume, ás veces de forma pasiva e acrítica. Silencio como forma de acción que aglutina a persoas de boa vontade, que podendo ter ideoloxías, culturas ou crenzas diferentes, atopan nese silencio solidario coas persoas e comunidades oprimidas unha linguaxe común.






