5º Domingo de Coresma: «Romper cadeas, tender mans»

Se nos entregamos por completo, se renunciamos aos nosos egoísmos, se nos facemos cargo, se cargamos e nos encargamos da realidade, se somos fieis á mensaxe de amor fraterno de Xesús de Nazaret, entón a nosa vida terá pagado a pena. Non podemos, non debemos morrer sen dar froito; cada un de nós é unha persoa pequena, si, pero imprescindible… se, pola contra, o que morre é so o noso egoísmo, poderemos atopar unha vida verdadeira, nova, plena, e comunitaria.

– Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home. Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honrar o Pai. Agora o meu espírito está turbado. ¿E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? ¡Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu Nome.

Chegou entón unha voz do ceo:

– Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo.

O oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: «faloulle un anxo». Xesús interveu dicindo:

– Esta voz non foi por min, senón por vós. Agora é o xuízo deste mundo; agora ó príncipe deste mundo vano botar fóra. E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.

Dicía isto, indicando de que morte había de morrer.

Xoán 12, 23-33