Se no terceiro domingo de Coresma lembrabamos a necesidade de elixir entre o Deus Pai e Nai e o Deus diñeiro, hoxe imos ir un pouco máis aló. Cómpre decatarse de que estamos no medio dunha guerra inmemorial entre a luz e as tebras, entre o amor e o egoísmo, entre a xustiza e a barbarie. Cómpre sermos coherentes coa mensaxe de Xesús de Nazaret: debemos ser valentes, romper as cadeas que nos oprimen e actuar no mundo “para que se vexan as súas obras”…
Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ó mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere.
Xoán 3, 19-21