II Domingo de Coresma 25 febreiro
Lembrabamos o domingo pasado que o tempo está cumprido, que estamos na obriga de responder xa, agora, sen máis escusas nin dilacións, á chamada de Xesús de Nazaret. O primeiro é escoitar e crer. Quen cre, mira máis aló das aparencias, das circunstancias, dos egoísmos propios e alleos. Quen cre, sabe mirar ao fondo das cousas e escoitar o sentido sempre cheo de vida das palabras de Xesús. Quen cre, recoñece e admira a beleza das cousas, pero non se queda inmóbil na súa contemplación.
Seis días despois colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sós ó coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. Nisto apareceron Elías e mais Moisés, e estaban a falar con Xesús. E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
– ¡Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e a outra para Moisés.
Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz:
– Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.
Marcos 9, 2-5