Espazo para repensar a nosa comunidade (6)

Encontro de reflexión 9 de decembro de 2023
Tras a lectura da acta anterior, procedeuse á lectura e comentario do documento de propostas achegadas con antelación.

Algunhas persoas expresaron que se sentían un tanto abrumadas pola cantidade de propostas tendo en conta as nosas forzas actuais, pero outras lembraron que a maioría non eran propostas novas, senón cousas que xa se estaban a levar a cabo, e que se trataba case sempre de reforzar, consolidar, aumentar… o que xa existía. Ademais lembrouse que o peso que podemos cargar individualmente non é o mesmo que o que podemos cargar como comunidade.
Nese sentido reflexionamos sobre que opción sería máis acertada: se deixar un abanico amplo de propostas e que cada quen fose optando por participar nalgunha, ou centrarnos como comunidade nunha ou dúas concretas; aínda que ambas posibilidades presentaban vantaxes e inconvenientes. Lembrouse tamén que as propostas recollidas no documento eran para que fosen asumidas pola comunidade, e que cando unha persoa participase nesas iniciativas puidese facelo non a título persoal, senón en nome da comunidade. En todo caso, insistiuse en que todo o que se decida facer debería estar coordinado a través do ministerio.
Entre as propostas, destacouse que a de vincularse a Cáritas para a atención ás necesidades básicas é máis complexa que as demais polas implicacións que supón, polo que habería que ter toda a información posible antes de tomar unha decisión no espazo da asemblea parroquial. Ademais lembramos que se polas nosas limitacións actuais decidimos sumarnos a iniciativas que lideran outras entidades, o normal é que teñamos que adaptarnos ao seu xeito de facer as cousas.
En relación a unha petición procedente dun docente do Coia 2 para realizar clases de apoio nas materias científicas, falamos da posibilidade de canalizar a reivindicación á Consellería de Educación a través de FOAMPAS.
Tras reflexionar sobre as diferentes propostas e sobre a posibilidade de priorizalas, finalmente decidiuse trasladar a totalidade das propostas recollidas no documento inicial no ámbito social agrupando as directamente relacionadas (sensibilización e denuncia profética, coidados, atención ás necesidades básicas…).
Acordouse tamén que dende as diferentes plataformas que están a traballar se faga chegar un informe das necesidades que terían en canto á participación de máis persoas para tarefas determinadas.
Por último, a vindeira xuntanza, na que trataremos o tema da educación na fe, será o sábado 13 de xaneiro ás 10:30 horas.