Domingo 10 de Decembro: “Preparádelle o camiño ó Señor”
Isaías, tras constatar a nosa insensibilidade, o noso egoísmo, chámanos a ser voz que clama no deserto. O tempo de actuar é agora, cando é máis difícil, cando todo son malas novas, cando o mundo parece camiñar cara ao desastre. Isaías, como Xesús máis tarde, lémbranos que a tarefa é ardua, esixente: cómpre construír a xustiza para que Deus atope aquí, entre nós, o seu fogar. E construír a xustiza significa levantar os vales, é dicir, devolverlle a dignidade a quen lle foi arrincada, e rebaixar os montes, recuperar o reparto da riqueza evitando que uns poucos teñan o que é de moitas. Precisamos rematar cos privilexios, coas desigualdades, coas discriminacións… Abofé que esa é a xustiza de Deus, ese é o camiño liberador que Isaías nos convoca a percorrer!